Galiza Cultura
Galiza Cultura impulsa unha campaña para que o país conte con "voz propia" e recoñecemento na Unesco
SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15 de xaneiro de 2026
A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, que agrupa a máis dunha trintena de entidades en todo o territorio, vén de presentar a declaración ‘Galiza con voz propia na Unesco (manifesto polo recoñecemento internacional da nosa cultura)’. Con esta iniciativa, a entidade busca acadar o estatus de “Membro Asociado” de pleno dereito neste organismo das Nacións Unidas, unha figura que permitiría á Galiza participar directamente na promoción da educación, a ciencia e a cultura a nivel global.
A proposta, que xa conta co apoio de diversas plataformas e fundacións, abriu un proceso de recollida de sinaturas dirixido tanto a particulares como a institucións a través da web oficial: galizaconvozpropianaunesco.wordpress.com.
Unha reclamación baseada en tres piares
O manifesto articúlase arredor de tres eixos fundamentais que xustifican a necesidade de que Galiza actúe con autonomía no seo da Unesco:
- Dereito lexítimo e fundamentado: A Federación defende que Galiza, como nacionalidade histórica cunha lingua propia, historia milenaria e un patrimonio inmaterial único, posúe todas as credenciais para ostentar esta representación. As competencias exclusivas da Xunta en educación e cultura avalan tecnicamente esta incorporación.
- Denuncia da discriminación política: O texto sinala un "agravio comparativo" respecto ao proceso iniciado polo Estado español para que Catalunya e Euskadi figuren como membros asociados. Segundo Galiza Cultura, a exclusión galega sitúa o país nunha "periferia sen dereito a representación".
- Crítica á xestión da Xunta: O manifesto censura a renuncia do Goberno galego a formar parte destes organismos, instando a unha "acción decidida" para que sexan as propias institucións galegas as que falen polo país sen intermediarios.
Críticas á "submisión" do Goberno galego
Desde a Federación Galiza Cultura cualificaron de "irracional e lesiva" a postura da administración autonómica. En concreto, fan referencia á comparecencia do pasado 22 de decembro do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, na que confirmaba a renuncia da Xunta a participar no proceso de adhesión iniciado polo Goberno central para as nacionalidades históricas.
"A renuncia do goberno da Xunta amosa a súa inequívoca submisión aos criterios partidistas que nacen na rúa Xénova de Madrid, e non aos lexítimos intereses dun goberno dunha nación como a galega", afirman con contundencia desde a Federación.
Para as entidades promotoras, esta decisión supón unha "falta de visión estratéxica" e un abandono das obrigas do Executivo na defensa da lingua e a cultura, elementos que definen o patrimonio inmaterial galego. Coa obtención do status de Membro Asociado, Galiza podería non só protexer o seu legado, senón tamén fortalecer os lazos co ámbito da lusofonía mundial e outros estados en pé de igualdade.