fotografía
O Obradoiro Fernando Monroy de Cesantes fai pública a escolma do seu XX Concurso de Fotografía
O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, con sede en Cesantes (Redondela), celebrou o pasado 7 de novembro a complexa deliberación do seu XX Concurso de Fotografía. A gran acollida desta edición, que superou as 200 fotografías presentadas, procedentes non só de diferentes puntos de Galicia senón tamén doutras comunidades españolas como Málaga, Toledo ou Logroño, fixo que a escolla das obras premiadas fose longa e laboriosa para os membros do xurado.
Tras unha exhaustiva valoración, o Obradoiro Monroy anunciou os resultados do certame, que recoñece o talento en diversas categorías:
| Categoría | Premio | Fotografía | Autoría |
| Mellor Fotografía | Galardoada | “Incendio” | Mónica Vila Ferreirós |
| Adultos | 1º Premio | “Remojando los pies” | Tirso Fermoselle Martín |
| Adultos | 2º Premio | “Historias da rúa. Contrastes I” | Carla Piñeiro Gómez |
| Adultos | 3º Premio | “Piña” | Pablo Falgueras Casarejas |
| Xuvenís | 1º Premio | “Luces” | Uxío Solla Amoedo |
| Xuvenís | 2º Premio | “Auga de chuvia” | Ángela Llobet Hernández |
| Infantís | 1º Premio | “Sol enrejado” | Xoel Fermoselle Carmona |
O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy xa está a contactar cos gañadores e gañadoras para informalos da categoría premiada e trasladarlles o seu parabén pola calidade das súas obras.
Entrega de premios e exposición
Os premios, valorados en conxunto en máis de 1.200 €, serán entregados nun acto festivo que terá lugar a tarde do vindeiro domingo, 23 de novembro, no Multiusos da Xunqueira de Redondela. A gala non só servirá para recoñecer o esforzo dos autores, senón que estará amenizada coa música do grupo tradicional “Airiños do Mar de Teis” e contará con sorpresas para os asistentes. Para rematar o evento, ofrecerase un convite de chocolate con churros a todo o público.
O Obradoiro Fernando Monroy quere agradecer publicamente a participación de todos os concursantes. Independentemente de obteren premio ou non, todas as fotografías presentadas estarán expostas no Multiusos da Xunqueira a partir do mesmo día 23, para posteriormente iniciar unha rotación polos diferentes centros culturais do concello de Redondela, dando visibilidade ao traballo de todos os fotógrafos.