Paz y Noviolencia
A Coruña Pola Paz: "Queremos construir unidade na loita pola paz"
A Coruña, 30 de setembro de 2025
A plataforma A Coruña pola Paz presentouse hoxe nun acto celebrado no local da Asociación Veciñal Oza - Gaiteira - Os Castros, marcando o inicio dunha fronte común para reclamar un mundo máis xusto, solidario e libre de violencia.
A nova plataforma, que se declara aberta e diversa, nace co obxectivo de elevar a voz da cidadanía coruñesa en contra de todas as guerras, fronte á lóxica belicista actual.
Amplo Apoio e Chamamento á Unidade
O acto de presentación contou coa asistencia de representantes de máis dunha decena de colectivos e organizacións sociais e políticas, das máis de trinta que a constitúen, subliñando a transversalidade da iniciativa. Entre os asistentes atopábanse: Mundo Sen Guerras e Sen Violencia, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, as A.V. "Os nosos lares" (Palavea-Santa Xema-Ponte da Pasaxe), Oza - Gaiteira - Os Castros, Os Anxos, e A Barcarola - Catro Camiños, así como Unión Comarcal CC.OO., Sindicato Labrego Galego, Podemos Coruña e BNG A Coruña.
O portavoz da plataforma, tras presentar a iniciativa, fixo fincapé na urxencia de
construír unidade na loita contra as guerras 4, cuestionando o relato dominante 5e rexeitando a escalada belicista que ameaza o presente e o futuro.
Denuncia e Reivindicacións Clave
O manifesto de A Coruña pola Paz 7 denuncia explicitamente:
-
O xenocidio en Palestina e a guerra de agresión en Ucraína, ademais dos máis de 50 conflitos armados no mundo.
-
A escalada belicista da campaña ReArm Europe, que inviste milleiros de millóns en morte mentres se desmantela o estado do benestar.
-
O negocio armamentista e a expansión agresiva da OTAN.
Fronte a esta situación, a plataforma esixe:
-
Diálogo e diplomacia,
-
a sinatura do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares (TPAN)
-
o fomento da cultura de paz e nonviolencia, e
-
a blindaxe e ampliación do gasto social.
O portavoz subliñou que nas actuais circunstancias económicas
non se debe tirar o diñeiro en guerras, senón que é vital "abocar todos os recursos para defender a vida".
Próxima mobilización e vía institucional
A plataforma anunciou a súa primeira gran mobilización co gallo do
Día da Nonviolencia (2 de Outubro): a Marcha da Paz e a Nonviolencia Activa. A marcha sairá o vindeiro sábado 4 de outubro ás 19:00h da Paloma da Paz da Praza de Pontevedra ata a Torre de Hércules, cun carácter de celebración reivindicativa.
Finalmente, lembrou que no seu día o Concello da Coruña declarou o 2 de outubro como Día da Nonviolencia Activa na cidade e que se solicitou a todos os grupos municipais unha declaración institucional baseada no manifesto de A Coruña pola Paz para o pleno desta semana.
A Coruña pola Paz é un lugar de encontro para reconstruír o tecido social e fai un chamamento á cidadanía a saír ás rúas e defender os dereitos de todas as persoas.