dereitos humanos
Acampa pola paz denuncia o plan de autonomía para o Sahara Ocidental que "atropelará máis os dereitos saharauís"
A Coruña, 29 de outubro de 2025.- O Movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio amosa unha vez máis o seu apoio incondicional ao pobo saharauí no seu rexeitamento frontal ao Plan de Autonomía para o Sahara Occidental. Este plan, impulsado pola administración Trump, será examinado mañá polo Consello de Seguridade da ONU. De aprobarse, non só se consolidaría aínda máis a ocupación marroquí do territorio, senón que, segundo Acampa, suporía un avance nunha imposición que é manifestamente contraria ao dereito internacional.
Acampa advirte de que a adopción deste plan non faría máis que atropelar os dereitos do pobo saharauí e afastar a posibilidade de que os miles de refuxiados e exiliados poidan recuperar a súa terra, pola que agardan desde hai décadas que se impoña o Dereito internacional. O movemento subliña que o pobo saharauí é o único propietario lexítimo do Sahara Occidental, un feito recoñecido tanto pola ONU como pola Corte Penal Internacional e a Unión Africana.
Chamamento á cidadanía da Coruña
Ante a gravidade da situación, o Movemento Acampa convida a toda a cidadanía da Coruña e a súa contorna a sumarse o xoves, á concentración convocada pola Comunidade Saharauí en Galicia.
- Onde: Fronte á Subdelegación do Goberno da Coruña.
- Cando: xoves, ás 19.30 horas.
Esta mobilización ten como obxectivo mostrar unha repulsa unánime contra o devandito plan e apoiar as lexítimas reivindicacións do pobo saharauí.
Esixencia de responsabilidade a España
O pobo saharauí esixe, unha vez máis, que España apoie as súas reivindicacións, que se lles permita ser xuíces do seu propio destino, e que se cumpra coas resolucións da ONU que recoñecen os seus dereitos e a convocatoria dun referendo en condicións de liberdade e transparencia que lles permita decidir o seu futuro.
Pola súa banda, o Movemento Acampa esixe ao goberno español que asuma a súa responsabilidade histórica co Sahara Occidental e deixe de dobrar fronte aos intereses de Marrocos. A organización insiste na necesidade dunha consulta popular que garanta o dereito á autodeterminación. Os saharauís seguen á espera de que España asuma a súa responsabilidade legal co seu pobo.