Xenocidio en Gaza
Manifesto de apoio a Palestina ante a catástrofe humanitaria en Gaza
A Federación de Asociacións veciñais da Coruña e área metropolitana ten un compromiso firme cos dereitos humanos e co rexeitamento de todo tipo de terrorismo, violencia e formas de odio e reclama, porque é a base do movemento veciñal, un marco de paz como base para o diálogo e a construción de sociedades respectuosas, igualitarias e diversas.
Queremos manifestar o noso total rexeitamento aos tráxicos acontecementos que se estaban desenvolvendo en distintos puntos do planeta, como a invasión rusa de Ucraína, o ataque de Hamas do 7 de outubro e a invasión e ataque do exército israelí contra a poboación da franxa de Gaza. Pero en concreto, a gravidade da situación en Gaza foi empeorando dramaticamente e xa o ano pasado no marco do Consello Confederal da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV) aprobouse unha resolución de apoio ao pobo palestino reclamando medidas concretas e eficaces contra o xenocidio da Franxa de Gaza.
Atendendo aos informes publicados por ONGs e organismos internacionais1, pódese afirmar que, dende outubro de 2023, os ataques israelís mataron directamente a máis de 60.000 persoas, incluído nelas a 18.000 nenos. Hai un contexto especialmente grave para unha poboación infantil cun 92% dos nenos (entre 6 meses e 2 anos) que non reciben suficiente comida e polo tanto están nun escenario de fame e desnutrición severa. Esta situación empeora cada día pola situación de bloqueo total imposta e as limitacións a axuda humanitaria, así como a destrución sistemática da infraestrutura hospitalaria, de servizos básicos, vivenda e terreos agrícolas. Todo isto somete a poboación do territorio a condicións de vida que están provocando a súa destrución, o que cumpre co artículo II da Convención sobre o xenocidio, así como obrigando a desprazarse a poboación do territorio (1,9 millóns de persoas desprazadas a novembro de 2024 segundo a OCHA). Esta situación de xenocidio está sendo denunciada abertamente pola relatora da ONU, Francesca Albanese2.
Ante a comisión destes gravísimos crimes contra a poboación palestina, contrarios ao dereito humanitario e internacional, como movemento veciñal, sensible e solidario
RECLAMAMOS
- PRIMEIRO.- O respecto e cumprimento inmediato da decisión da Corte Internacional de Xustiza da Nacións Unidas, moi particularmente a dirixida a que Israel tome as medidas necesarias para evitar actos de xenocidio.
- SEGUNDO.- O respecto e cumprimento inmediato do dereito internacional humanitario e que se permita a entrada de axuda á franxa de Gaza.
- TERCEIRO.- O cesamento dos ataques e o asedio á poboación civil, o fin de envío (por tódolos países) de armas a Israel, así como a liberación de todas as persoas secuestradas e encarceradas inxustamente.
- CUARTO.- O cese das hostilidades de inmediato e de forma permanente atendendo ao cumprimento do dereito internacional para a solución do conflito palestino-israelí, así como o recoñecemento do Estado palestino.
1 Segundo os informes titulado “O noso xenocidio” (Our genocide) publicado por B’Tselem, o informe “Destrucción das condición de vida: un análisis médico do xenocidio” ( “Destruction of Conditions of Life: A Health Analysis of the Gaza Genocide” da ONG Médicos por los Derechos Humanos (PHR), e os datos d Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) da ONU.
2 O último informe "Da economía da ocupación a economía do xenocidio” (From economy of occupation to economy of genocide) (30 de xuño de 2025).