Xenocidio en Gaza
Ana Miranda acusa á UE de ser “cómplice dun xenocidio” por manter os acordos con Israel
Bruxelas, 23 de xuño de 2025. Tras a reunión do Consello de Ministros de Exteriores da Unión Europea e as declaracións da nova Alta Representante de Política Exterior, Kaja Kallas, a eurodeputada do BNG Ana Miranda cargou contra o que considera unha resposta “totalmente insuficiente e hipócrita” da UE fronte ao xenocidio cometido por Israel na Franxa de Gaza.
“A pesar de todas as chamadas de atención a nivel mundial, a UE segue amparando un estado que vulnera de forma flagrante o dereito internacional”, afirmou Miranda, quen participa activamente na Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo. A eurodeputada galega estivo presente este luns nas mobilizacións celebradas en Bruxelas contra a masacre da poboación palestina.
Miranda criticou especialmente as palabras de Kaja Kallas e da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nas que aludiron á existencia de “indicios” de vulneración dos dereitos humanos por parte de Israel. “¿Indicios? Estamos ante un xenocidio en curso. Non se pode seguir agochando a verdade baixo eufemismos diplomáticos”, sentenciou.
Desde o Bloque Nacionalista Galego, Miranda instou a suspender de forma inmediata o acordo de asociación entre a UE e Israel, ademais de impoñer sancións políticas e económicas e declarar un embargo total de armas como resposta á violación sistemática dos dereitos da poboación palestina, tanto en Gaza como en Cisxordania.
A eurodeputada lembrou que Israel “xa provocou a morte de case 20.000 nenos e nenas en Gaza, destruíu hospitais e escolas, e emprega a fame como arma de guerra”. Advertiu de que, mentres non se tomen medidas concretas, a Unión Europea seguirá sendo “cómplice dese xenocidio”.
A súa denuncia non é nova. Ana Miranda leva anos defendendo os dereitos do pobo palestino desde as institucións europeas. En abril pasado coorganizou unha conferencia no Parlamento Europeo con expertos en dereito internacional, activistas e membros da sociedade civil palestina. No mes de xaneiro participou como convidada especial na reunión inaugural do chamado “Grupo da Haia”, e en febreiro viaxou ata Rafah, na fronteira entre Exipto e Gaza, para denunciar o bloqueo de alimentos e medicamentos por parte do exército israelí.
“A impunidade debe rematar. A diplomacia non pode seguir sendo unha cortina de fume mentres se cometen crimes contra a humanidade”, concluíu Miranda.