O barrio desbloquea o futuro do Parque de Oza-Gaiteira con urbanismo sostible e avanzado

A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira-Os Castros celebra a aprobación plenaria do convenio urbanístico para a área API Q28, que permitirá reactivar un proxecto estancado durante anos e aplicar un modelo de cidade máis ecolóxico e humano.
O barrio desbloquea o futuro do Parque de Oza-Gaiteira con urbanismo sostible e avanzado

A Coruña, 27 de xuño de 2025.- A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira-Os Castros vén de facer pública a súa satisfacción tras a aprobación, en pleno municipal, do Convenio Urbanístico Mixto de Planeamento e Execución para o desenvolvemento da área de planeamento incorporado API Q28 “Parque de Oza-Gaiteira”, tras presentar as súas alegacións ao proxecto.

Este acordo entre o Concello da Coruña e a Xunta de Compensación desbloquea por fin unha das unidades urbanísticas máis importantes do barrio, paralizada durante anos por inacción e indefinición urbanística. Segundo destaca a asociación, esta situación non só atrasou o desenvolvemento da zona, senón que tamén impediu a materialización dos dereitos edificatorios de numerosos pequenos propietarios e veciños afectados.

O novo convenio aposta por un modelo urbanístico avanzado e sustentable, afastado da planificación obsoleta do PXOM de 1998, que priorizaba grandes volumes de vivenda e infraestruturas viarias pouco integradas. En lugar diso, propónse unha ordenación baseada no concepto de “supermanzana”, que busca reducir o tráfico rodado, fomentar espazos verdes, mellorar a mobilidade peonil e crear contornas habitables e respectuosas co medio ambiente.

Desde a entidade veciñal, cualifican este paso como “un fito clave para o barrio”, ao tempo que se reafirman no seu compromiso de seguir vixiando e participando no desenvolvemento dun urbanismo máis humano, ecolóxico e pensado para as persoas.

Co desbloqueo da API Q28, o barrio de Oza-Gaiteira dá un paso firme cara un futuro mellor planificado e máis sostible.

O barrio desbloquea o futuro do Parque de Oza-Gaiteira con urbanismo sostible e avanzado