Oza

“Facer barrio é facer futuro”: memoria, cultura e participación veciñal en Oza Gaiteira Os Castros

Falamos con Paulo Sexto, presidente da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros, sobre os proxectos que a entidade impulsa este ano, dando continuidade e reforzando o traballo 

iniciado en 2025. 

“Facer barrio é facer futuro”: memoria, cultura e participación veciñal en Oza Gaiteira Os Castros
Un equipo para traballar polo barrio
Un equipo para traballar polo barrio

A asociación aposta por fortalecer o barrio desde dentro, recuperar a súa memoria e impulsar a participación veciñal como motor de transformación.

Este ano traballades en dous grandes eixes. Cales son?

Queremos consolidar a asociación e ampliar a base social. O obxectivo é que sexa unha ferramenta útil para mellorar a calidade de vida do barrio e fomentar a autoorganización veciñal. Para iso puxemos en marcha varios proxectos. Un deles é Mulleres na Rúa, centrado na recuperación da memoria democrática. O outro é Facendo barrio, facendo historia, co que queremos recuperar a historia da asociación e do barrio desde a súa fundación en 1977.

En que consiste “Facendo barrio, facendo historia”?

É un proxecto aberto e participativo. Pretendemos crear un grupo veciñal que recompile a memoria do barrio, definindo unha liña temporal cos feitos máis relevantes a nivel social, cultural e patrimonial. Estamos recollendo testemuños, fotografías e materiais audiovisuais que se transformarán nun arquivo público e, previsiblemente, nunha páxina web. A idea é implicar tanto á veciñanza histórica como á xente nova e á nova poboación.

A historia do barrio está ligada á loita veciñal. Cóntanos brevemente o papel que xogou a organización veciñal. 

A organización veciñal logrou avances clave como a cesión de terreos para o colexio Sal Lence, a recuperación da praia de Oza ou o traslado da antiga Campsa. Hoxe a prioridade é manter e mellorar as infraestruturas. O desbloqueo de proxectos como os convenios de Oza e As Xubias ou a fachada marítima traerá novas dotacións, melloras no transporte e equipamentos acordes ao crecemento da poboación. Tamén se está a modernizar rúas para crear contornos escolares seguros e dinamizar o comercio, reforzando a colaboración coa asociación de comerciantes e cos colectivos culturais.

Memoria e cultura como ferramentas de transformación. Que papel xogan a memoria histórica e a cultura no presente e no futuro do barrio?

Actualmente desenvólvese unha exposición sobre Xosé Velo con visitas guiadas de estudantes. A asociación colabora co Concello e con grupos da oposición, e pide á Xunta de Galicia máis implicación en sanidade, mantemento dos centros educativos e a creación dun Centro de Día.

Para a entidade, a cultura é un dereito e unha ferramenta social. As festas e actividades culturais reforzan a identidade do barrio, simbolizada en espazos como o faro ou a capela. A asociación está aberta a colaborar con grupos de teatro e quere avanzar cara a unha programación máis inclusiva, incorporando interpretación en lingua de signos.

Un calendario festivo para facer comunidade. En que punto está a organización das festas do barrio e que papel teñen dentro da vida veciñal?

Xa se preparan as festas de Os Castros (xuño), e A Gaiteira (agosto). Ademais de ser espazos de encontro, serven para divulgar a historia local e fortalecer o sentimento de comunidade.

“Facendo barrio, facendo historia”. Como pode implicarse a veciñanza neste proxecto?

O proxecto inclúe investigacións, entrevistas, talleres de memoria, unha plataforma web e a gravación dun documental. A participación está aberta a toda a veciñanza. Pódese colaborar formando parte do grupo motor, achegando materiais ou difundindo a iniciativa. Para participar nesta ou noutra actividade da asociación: ozagaiteiraoscastros2@gmail.com.

O obxectivo final é reforzar o sentimento de pertenza e abrir novos espazos de participación. Porque facer barrio é unha tarefa colectiva.

“Facer barrio é facer futuro”: memoria, cultura e participación veciñal en Oza Gaiteira Os Castros