Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa

Oza móvese: novos proxectos, memoria viva e compromiso veciñal

A Asociación Veciñal de Oza prepara o novo curso cargado de proxectos, reivindicacións e actividades que buscan mellorar a calidade de vida do barrio, reforzar a súa identidade e seguir construíndo comunidade.

Oza móvese: novos proxectos, memoria viva e compromiso veciñal
Centro cívico de San Diego
Centro cívico de San Diego

O barrio de Oza volve activarse con enerxía e propostas. A Asociación Veciñal inicia o novo curso político coa mirada posta nos orzamentos de 2026, coa intención de incluír neles as principais necesidades do barrio. Para iso, reunirase con todos os grupos municipais e presentará unha lista de prioridades elaborada de maneira colectiva. “Temos moitas cousas por facer e queremos que todos os grupos coñezan as prioridades reais do barrio”, sinala o presidente da asociación, Paulo Sexto, que agradece a colaboración do Concello nalgunhas melloras xa realizadas, pero insiste en seguir avanzando.

Entre as demandas veciñais destacan a mellora do Fórum Metropolitano, a rehabilitación do centro cívico de San Diego e a posta en marcha dun proxecto modernista no edificio de Oza. Tamén reclaman melloras na accesibilidade e nos éntornos escolares seguros, ademais de reforzar a limpeza viaria e o mantemento das zonas verdes. Unha das reivindicacións máis urxentes é a creación dun centro de día público, competencia da Xunta de Galicia, e que o Concello debe reclamar. “Nun barrio cunha poboación maior tan numerosa, non pode ser que o único centro existente sexa privado”, apunta.

A Asociación tamén solicitará unha reunión coa Concellería de Participación Cidadá para reclamar máis apoio ás asociacións veciñais, tanto en recursos como en asesoramento e formación. “O traballo veciñal é voluntario, non remunerado, e precisa medios para poder seguir funcionando con dignidade”, lembra o Presidente.

Segue en marcha o proxecto “Mulleres na Rúa”, que busca dar visibilidade ás mulleres propoñendo nomes femininos para as rúas. Actualmente só hai dúas, e a asociación considera fundamental recoñecer o traballo e o talento das mulleres en todos os ámbitos: artístico, científico, docente e social. No marco da memoria democrática, propoñen que a actual rúa Fariña Ferreño pase a chamarse Mercedes Romero Avella, en honra a unha veciña do barrio, profesora e sindicalista, asasinada durante a represión franquista. “É unha maneira de manter viva a historia do barrio e render homenaxe a quen loitou por un futuro mellor”, sinala.

O proxecto “Ecos do Barrio” será outra das grandes apostas. Trátase dun espazo de radio-teatro onde as e os veciños serán os protagonistas, compartindo as súas vivencias, loitas e logros ao longo dos anos. Historias como a da antiga gasolineira Campsa, que grazas á mobilización cidadá se transformou nunha zona verde e nun equipamento público, serven de exemplo para as novas xeracións que non viviron esas etapas. “Recuperar a memoria é recuperar a identidade”, explica Paulo. Lugares como o Faro de Oza, a Capela de Oza ou os edificios modernistas forman parte desa identidade que se quere protexer e poñer en valor. “Crear barrio significa sentilo como propio, comprometerse con el e traballar xuntos para melloralo.”

Ademais, xa está en marcha a recollida solidaria de xoguetes, en colaboración con Montecarlo 85 (C/ Gaiteira 85) e Ariana Palomo (Travesía  Gaiteira nº 2). As veciñas e veciños poden levar alí as súas doazóns durante o horario comercial e recibirán un pequeno detalle —un globo— como mostra de agradecemento. Os xoguetes serán entregados posteriormente a unha ONG, que os distribuirá entre as familias que máis o precisen.

E, como cada ano, a asociación anima a toda a veciñanza a participar na Lotería de Nadal, co número 07618, dispoñible en diversos comercios do barrio: Perruquería Mariquiña, Restaurante Montecarlo, Perruquería Vales, Casa do Bacalao, Tenda de cosmética Ariana Palomo, Tenda Ferreiro, Restaurante Pivito, Mesón París, Bar Minin e Panadaría Faragullas. “Non te quedes sen ela... e moita sorte!”, convidan cun sorriso desde a directiva.

Oza móvese: novos proxectos, memoria viva e compromiso veciñal