Escola saudable

Allariz debaterá sobre o impacto das pantallas na infancia coa clausura da exposición de Kiko Da Silva

A campaña ‘Escola saudable’ e as ANPAS locais organizan este venres un faladoiro co experto Xulio Carmona para analizar os riscos da hiperdixitalización e propor alternativas pedagóxicas e familiares.
Allariz debaterá sobre o impacto das pantallas na infancia coa clausura da exposición de Kiko Da Silva
Asamblea-Confederal-Ecologistas-en-Accion-Vigo-diciembre-2025-2
Asamblea-Confederal-Ecologistas-en-Accion-Vigo-diciembre-2025-2

ALLARIZ / A comunidade educativa de Allariz ten unha cita clave coa saúde e o benestar das crianzas. Este venres, 22 de maio, ás 19:00 horas, celebrarase o debate educativo titulado “Medrar con pantallas NON é igual a progreso”. O acto, que servirá tamén como broche de ouro para clausurar a exposición homónima do recoñecido ilustrador galego Kiko Da Silva, está organizado polas ANPAS Airiña e Vilanova de Allariz, en colaboración co Concello de Allariz e a plataforma Adolescencia Libre de Móbiles, no marco da campaña ‘Escola saudable’ de Ecoloxistas en Acción.

Ambas as dúas iniciativas teñen como obxectivo principal convidar á reflexión e sensibilizar á veciñanza sobre o uso dos medios dixitais nos eidos familiar, escolar e social. Os organizadores alertan sobre as consecuencias dun inicio precoz e desregulado no consumo de tecnoloxía, ao tempo que reivindican a necesidade de potenciar pactos familiares para atrasar a entrega do primeiro smartphone.

Evidencia científica fronte aos mitos dixitais

O faladoiro contará como relator con Xulio Carmona, enfermeiro de saúde mental, experto en adiccións tecnolóxicas, coordinador da campaña “Escola saudable” e membro activo do Movemento OFF e de Adolescencia Libre de Móbiles. Carmona porá sobre a mesa os consensos e as alertas científicas actuais que vinculan o uso precoz das pantallas con alteracións no neurodesenvolvemento, a aprendizaxe e a saúde física e mental dos menores, sen esquecer o impacto ambiental desta industria e as estratexias algorítmicas de enxeñería social que buscan fidelizar aos usuarios máis novos.

Ao longo do debate desmontaranse os mitos do proceso hiperdixitalizador e visibilizarase un cambio de paradigma que xa sitúa este fenómeno como un "problema de saúde pública". De feito, un total de 22 sociedades científicas do Estado español, do ámbito da medicina e a psicoloxía, avalan as recomendacións da Asociación Española de Pediatría (AEP):

  • De 0 a 6 anos: Cero pantallas.
  • De 7 a 12 anos: Menos de 1 hora ao día.
  • A partir dos 13 anos: Menos de 2 horas diarias (incluíndo o tempo escolar e os deberes).
  • A partir dos 16 anos: Postergación do uso do smartphone e das redes sociais.

Estas mesmas institucións médicas exhortan ao sistema educativo a instruír en competencias dixitais sen necesidade de introducir pantallas, plataformas e redes nas aulas.

Ferramentas prácticas para as familias e as aulas

Durante estas semanas, o persoal docente de Allariz xa estivo a traballar co alumnado a través de fichas didácticas deseñadas para aplicar tras a visita á exposición de Kiko Da Silva.

No acto de clausura deste venres proxectaranse catro vídeos da campaña “Escola saudable” e distribuiranse de balde guías e folletos informativos, entre os que destacan a guía ilustrada de Kiko Da Silva, o folleto de Orientacións prácticas para as familias sobre SMARTPHONE e ADOLESCENCIA, e un manual de apoio á exposición para ofrecer ás familias pautas concretas de negociación e axudar a construír pactos domésticos saudables.

Allariz debaterá sobre o impacto das pantallas na infancia coa clausura da exposición de Kiko Da Silva