Unión Europea

Galiza gaña voz e voto directo no deseño dos novos fondos de cohesión europeos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asume a correlatoría de tres informes clave en Bruxelas que permitirán un maior control sobre a execución orzamentaria da Xunta.
Galiza gaña voz e voto directo no deseño dos novos fondos de cohesión europeos
Ana Miranda Comisión
Ana Miranda Comisión

BRUXELAS | 24 de febreiro de 2026 

Galiza deixará de ser unha mera espectadora nas decisións financeiras de Bruxelas para pasar a ocupar un posto estratéxico na mesa de negociación. Grazas á posición do BNG na Eurocámara, o país terá voz e voto directo no reparto dos vindeiros fondos de cohesión. Así o confirmou hoxe a eurodeputada Ana Miranda, quen exercerá como correlatora de tres informes de alto impacto para o futuro socioeconómico galego na Comisión de Política Rexional.

Os textos nos que Miranda participará activamente son o Mecanismo Conectar Europa (CEF), o Programa Horizonte Europa e o novo Regulamento de Acompañamento dos gastos orzamentais (Performance). "Como eurodeputada galega, defenderei os intereses de Galiza na negociación de emendas", subliñou Miranda, quen é a única representante galega con titularidade nesta comisión clave.

Lupa sobre a xestión da Xunta

Unha das grandes novidades desta lexislatura será o endurecemento da vixilancia sobre como se gastan os cartos públicos. O novo Regulamento de "Performance" (rendemento) supón un cambio de paradigma: o financiamento xa no se dará só por executar o gasto, senón por acadar resultados reais.

Miranda advertiu que utilizará todos os mecanismos ao seu alcance para aumentar o control orzamentario sobre a Xunta de Galiza. "O goberno galego deberá dar contas polo miúdo", sinalou, destacando que se priorizará a transparencia en áreas críticas como:

  • A defensa da biodiversidade.
  • A adaptación climática ante catástrofes naturais.
  • A prevención de proxectos con impacto ambiental irreversible.
  • Políticas de xénero.

Conectividade e descarbonización

A axenda de traballo da eurodeputada nacionalista continúa mañá co foco posto no Mecanismo Conectar Europa. Este instrumento é o brazo financeiro do Pacto Verde Europeo e resultará fundamental para Galiza na súa carreira cara á descarbonización en 2030 e 2050.

Segundo explicou Miranda, este fondo non só impulsará as redes transeuropeas de transporte e a seguridade enerxética a través de renovables, senón que será vital para facilitar a interacción transfronteiriza entre administracións e cidadanía, un punto sensible para a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

O ciclo de intervencións pecharase o xoves co informe sobre o Programa Horizonte Europa, completando así o que Miranda define como "as prioridades xerais galegas" en Europa. Cun pé en Bruxelas e outro no territorio, o BNG busca asegurar que os fondos europeos se traduzan en beneficios tanxibles e transparentes para a sociedade galega.

Galiza gaña voz e voto directo no deseño dos novos fondos de cohesión europeos