Incendios
González Casares acusa á Xunta de "fallar estrepitosamente" na xestión dos incendios e de ocultar a superficie queimada
Estrasburgo, 9 de setembro de 2025 - Na súa intervención no pleno do Parlamento Europeo, o político subliñou que a xestión do Goberno do PP é un "fracaso sen paliativos". Para demostrar a ineficacia, lembrou que o 13 de agosto a Xunta "dicía que sobraban medios" para, ao día seguinte, verse na obriga de pedir a asistencia do Exército e de todos os avións dispoñibles en Europa.
O Goberno galego, acusado de contribuír aos lumes
González Casares lamentou que o "mimetismo" do PP coa extrema dereita non axude a resolver o problema dos incendios. Segundo el, as políticas dos populares, como rexeitar pactos contra o cambio climático, non contratar bombeiros en condicións dignas ou incumprir a normativa europea en canto á xestión da Rede Natura, "contribúen aos incendios".
O eurodeputado tamén criticou o proxecto de rebaixa do orzamento da PAC (Política Agraria Común) proposto para o período 2028-2034, advertindo que esta medida "dana o campo, favorece o despoboamento e contribúe aos incendios".
Para rematar, Casares non esqueceu as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmando que ao tentar "enganar á cidadanía dicindo que só arderon rochas e matogueiras", esquecendo ás persoas afectadas, o goberno "xera indignación e dana a democracia".