Buscar
01:13h. Miércoles, 18 de Julio de 2018

"UN TECIDO ESTABLE QUE REALIZA UNHA CONTRIBUCIÓN CULTURAL FUNDAMENTAL PARA A CIDADANÍA"

O Concello abre o prazo de solicitude da segunda convocatoria pública de axudas para entidades de arraigo e veciñais

O concelleiro José Manuel Sande presentou as iniciativas ‘Plan de apoio ás entidades de arraigo’ e ‘Facemos Comunidade’, que cualificou como “as máis sinxelas das diferentes liñas de axudas á hora da súa tramitación”, e nas que o Concello investirá este ano 350.000 euros

O concelleiro José Manuel Sande, na presentación das convocatorias
O concelleiro José Manuel Sande, na presentación das convocatorias

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores a segunda edición do Plan de apoio a entidades de arraigo e Facemos comunidade, convocatorias de concorrencia competitiva enmarcadas na liña de axudas posta en marcha o ano pasado polo goberno local a través desta área co obxectivo de regular e organizar as relacións entre a administración local e as asociacións ou entidades do tecido cultural e veciñal vinculadas ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Tal e como apuntou o edil, trátase do segundo ano no que o Concello da Coruña "fai un esforzo considerable de organización interna para acadar unha estrutura máis equilibrada e apostar pola creación de axudas de concorrencia competitiva que, até o de agora, nunca existiron, á vez que se regula e facilita a relación co tecido asociativo local". "Hoxe damos a coñecer publicamente as convocatorias máis sinxelas das diferentes liñas que se presentarán ao longo deste mes, e que abranguen un amplo espectro, como son as entidades vinculadas á cultura tradicional, e as denominadas festas dos barrios que son organizadas polas asociacións veciñais", apuntou Sande, quen salientou que o Concello destinará un total de 350.000 euros ás dúas convocatorias, cuxo prazo de solicitude está aberto desde hoxe e até o vindeiro 24 de abril.

O Plan de apoio a entidades de arraigo está dirixido ás entidades vinculadas á cultura tradicional, nunha área na que, como destacou o concelleiro, "o goberno está a facer un importante esforzo coa promoción das foliadas e da reformulación da Romaría de Santa Margarida". A convocatoria tamén está aberta a todas aquelas entidades de música tradicional que están excluídas dos itinerarios de exhibición musical máis habitual o profesional, "moitas delas históricas e incluso centenarias e que teñen unha grande significación para a cidade", explicou Sande, como son as corais, "fundamentais pola súa contribución cultural estable así como pola implicación social que teñen". Deste xeito, a través da convocatoria, a área de Culturas seguirá a traballar na regulación "da grande cantidade actuacións que teñen durante o ano, moitas delas focalizadas nos períodos lúdicos e festivos, como nas Festas de María Pita ou no Nadal, entre outros, e dar saída á necesidade de distintos colectivos de gozar da música como lecer activo", apuntou o edil.  

O Plan de Arraigo conta cunha dotación de 100.000 euros, dos cales cada entidade poderá recibir, como máximo, 8.000 euros. De cara a esta edición, introducíronse novos criterios na convocatoria máis obxectivos, que teñen que ver o carácter de colectividade ou o número de integrantes da asociación, así como a actividade nos últimos anos. "Aínda que unha entidade sexa histórica, é importante que se manteña viva, actual e dinámica", sinalou Sande.  Tamén puntuarán as actividades complementarias postas en marcha pola asociación, así como a vinculación con outros ámbitos da música tradicional.

No caso de Facemos Comunidade, o Concello destinará 250.000 euros á financiación das festas de carácter comunitario organizadas polas asociacións veciñais, que poderán recibir, como máximo cada unha delas, 10.000 euros para gastos para asumir pola celebración de actividades "que complementen a propia programación festiva do Concello así como doutras entidades". Esta convocatoria deu lugar o ano pasado, na súa primeira edición, "a case 30 celebracións diferentes espalladas por todo o termo municipal, á que se presentaron practicamente a totalidade das asociacións", segundo afirmou o titular da área de Culturas, quen lembrou que o goberno local "convidou a todas os colectivos veciñais á concorrer nesta nova liña de axudas".

A convocatoria está dirixida ás asociacións veciñais constituídas legalmente e radicadas na cidade que deberán presentar, entre a documentación pertinente, un proxecto da proposta de celebración, así como unha memoria final de actividades realizadas. "Todas as entidades poderán ter as xuntanzas coa Concellería que precisen para poder solventar as súas dúbidas e presentar, en tempo e forma, a súa iniciativa", salientou Sande, quen lembrou que o prazo de resolución das solicitudes será de trinta días a partir da finalización do período de presentación de solicitudes que, coma no caso do Plan de Arraigo, será o 24 de abril.

Entre os criterios de valoración que se terán en conta nesta segunda edición, estarán a viabilidade técnica do proxecto, a metodoloxía e desenvolvemento do mesmo, así como a súa calidade e interese desde o punto de vista sociocultural e de representación no barrio, ademais da promoción da igualdade de xénero, da tolerancia ou do uso do galego. Mención especial merecen os parámetros ambientais que se deberán ter en conta á hora da programación das actividades, "uns criterios que se están a implantar noutras iniciativas apoiadas polo Concello, como na Feira das Marabillas ou San Xoán", salientou Sande, e que se poden consultar nas bases da convocatoria, que se enviará hoxe a todas as entidades e que estará dispoñible no web municipal.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento informou que a presentación destas dúas liñas de axudas complementarase, nos vindeiros días, coa difusión da segunda edición das iniciativas Cultura de Barrio --dirixida á asociacións e colectivos informais--, Cultura de Proximidade --para espazos culturais privados de salas escénicas da cidade-- e unha nova proposta "vinculada ao tecido artístico e cultural".