Para a participación activa das mulleres e a inclusión das diversidades en todos os ámbitos

Escola de Empoderamento Feminista

A Concellería de Igualdade e Diversidade sacará a licitación o deseño dos contidos deste programa formativo, que terá carácter anual e vocación de estabilidade, e que incluirá cursos, xornadas, obradoiros, clubs de lectura e outras actividades

Escola de Empoderamento Feminista
Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade
Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade

Fonte: Concello da Coruña | 22/11/2016

O Goberno local vén de iniciar os trámites para a posta en marcha da Escola de Empoderamento Feminista, un programa municipal anual con vocación de estabilidade que ten como obxectivo a formación da cidadanía, a través da apertura de procesos democráticos que favorezan unha maior participación activa das mulleres, así como a mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida da cidade. A ese fin, a Concellería de Igualdade e Diversidade abrirá o proceso de licitación para a elaboración dos contidos e as actividades deste novo programa, que deberá incluír xornadas e cursos, obradoiros, clubs de lectura ou cine-fórums, que "deberán afondar nos aspectos socioeduciativos  e de sensibilización arredor da igualdade, a diversidade e a perpectiva feminista como eixe de transformación social", tal e como destaca a responsable municipal desta área, Rocío Fraga.

As propostas técnicas que concorran a este concurso, ao que se destinará un orzamento de 16.940 euros (IVE incluído), deberán incluír o deseño das diferentes liñas que se desenvolverán nas especialidades formativas, nas que deberán estar presentes cuestións como as identidades de xénero e as subxectividades e diversidades; a teoría dos movementos social en relación ao feminismo; os dereitos humanos no enfoque das relacións e convivencia das diversidades; o empoderamento vital e o empoderamento colectivo, ou os liderados transformacionais para unha vida libre de violencias. Do mesmo xeito, as propostas contemplarán accións a desenvolver ao longo do programa anual da Escola, o que inclúe desde o deseño e encadre curricular ata o formato e público ao que vai dirixido, os materiais, a calendarización, o perfil do persoal profesional, o obxectivo e unha proposta de seguimento. Tal como pon de relevo a concelleira de Igualdade e Diversidade, todas as accións procurarán, con carácter xeral, ser participativas, interactivas e creativas, e potenciar o respecto e as habilidades comunicativas cara a actitudes tolerantes.

Os pregos recollen ademais que as licitadoras deberán integrar o principio de igualdade, garantindo o enfoque de xénero en todas as actividades propostas e o uso non sexista da linguaxe a través da utilización da linguaxe inclusiva. Tamén serán contemplado como requisito que a adxudicataria conte cun mínimo do 50% de mulleres para a execución do contrato.

Escola de Empoderamento Feminista