25N noviolencia de xénero

Galiza Nova presenta campaña "No seu sistema sobrevivimos nós. Traizoa o patriarcado e transforma o mundo" para o 25 de Novembro

Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres de Galiza Nova, destaca a impunidade masculina como o foco da nova campaña que busca visibilizar as violências machistas e promover a traizón ao patriarcado.
Galiza Nova presenta campaña "No seu sistema sobrevivimos nós. Traizoa o patriarcado e transforma o mundo" para o 25 de Novembro
Cartaz principal
Cartaz principal

Galiza, 13 de novembro de 2023 - Galiza Nova presenta a súa campaña do 25 de novembro, que leva por lema "No seu sistema sobrevivimos nós. Traizoa o patriarcado e transforma o mundo". O obxectivo principal da campaña é pór de manifesto a impunidade masculina e o seu papel como elemento de reforzo do sistema patriarcal.

Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres de Galiza Nova, explicou que a campaña aborda o 25 de novembro desde unha perspectiva diferente, centrada na impunidade masculina e as diversas formas nas que se proxecta violencia sobre as mulleres. "Desde Galiza Nova xa temos analizado que ningunha de nós é allea ao sistema capitalista e este sistema ten moitísimas formas de proxectar violencia sobre nós", sinalou Blanco.

A campaña comezou este luns cun evento de presentación e desenvolverase ao longo de todo o mes de novembro, con actividades nas principais cidades e vilas do país. Incluirá a participación nas mobilizacións do 25 de novembro contra as violencias machistas e contido específico para as redes sociais.

A Responsable Nacional de Mulleres destacou que a campaña ten unha vertente dirixida aos homes, instándoos a traizoar ao patriarcado como unha maneira de romper co sistema. Ao mesmo tempo, tamén inclúe unha parte dirixida ás mulleres, animándoas a organizarse para construír un novo mundo libre de violencia.

Ao abordar a impunidade masculina, Blanco sinalou que é un "relato socialmente aceptado" que dá aos homes unha "desculpa divina" para relativizar os seus comportamentos. "Esta campaña busca visibilizar o papel da impunidade masculina nas nosas vidas, como nos afecta e como construímos as nosas personalidades en base a esta impunidade", concluíu Blanco.

A campaña de Galiza Nova continuará máis aló do 25 de novembro, con actos programados mesmo despois desta data. Tamén contará cun voceiro nacional chamado "Activas", dispoñible tanto en formato físico como dixital.

Galiza Nova presenta campaña "No seu sistema sobrevivimos nós. Traizoa o patriarcado e transforma o mundo" para o 25 de Novembro