DÍA DO LIBRO

Unha viaxe de 55 anos sen sequera cambiar de rúa

Os Couceiro repasan a traxectoria dunha das librarías máis antigas e prestixiosas da Coruña.

Unha viaxe de 55 anos sen sequera cambiar de rúa
Manuel Couceiro e Consuelo López Grobas fundadores da libraría Couceiro nos Mallos.
Manuel Couceiro e Consuelo López Grobas fundadores da libraría Couceiro nos Mallos.

Manuel Couceiro ten 79 anos. Naceu na parroquia de Albixoi no ano 1937. Tamén en Mesía, pero na parroquia de Xanceda, a media hora de camiño a pé, naceu Consuelo López Grobas, a súa muller, que se reserva a idade. Coñecéronse nunha festa e despois dun tempo casaron e establecéronse na Coruña a principios dos anos sesenta. No 62 abriron unha papelaría que vendía xornais e revistas. Non cambiaron moito as cabeceiras. La Voz e o Hola eran xa daquela as máis influentes. Pasaron 55 anos e este luns pola tarde sentan ao fondo da libraría Couceiro, do outro lado da ronda fronte ao local onde empezaron o negocio nos Mallos. Sentan entre estantes e libros novos, coa luz xusta, cálida. El sen présa. Hai tempo que se xubilou e un accidente en Albixoi, onde pasaba ratos libres, deu con el nunha cadeira de rodas. Ela, Consuelo, pendente de volver a papelaría. Segue traballando. Nunca parou. Sempre naquel outro local, no primeiro, polo que pasa máis xente. “Alí xa imos empezando a vender xornais, libros e material á terceira xeración”, indica cun tímido aceno de orgullo. Nos sesenta ela vivía xa na Coruña cos seus pais, no Ventorrillo. Era outra cidade. Había poucos negocios de papelaría. “Empezamos un pouco a cegas porque semellaba cousa fácil de atender”, di Manuel, “e collemos un local que non era pequeno, o que pasa é que o principio tiñamos pouca mercancía”. Traballaron os dous. Nunca pararon. A cidade cambiou. O negocio aumentou grazas aos libros de texto. “Foi progresivo. Primeiro empezamos a vender libros escolares e pouco a pouco fómonos metendo nas novidades editoriais”, conta Manuel. Nos oitenta a papelaría foi dando en libraría. E no ano 90 decidiron dar o paso. Un local máis amplo ao outro lado da ronda. Unha libraría que ofrecía novidades. “Daquela eran poucos autores. Vendíase sobre todo dos que saían na televisión. Gala, J.J. Benítez ou Fernando Schwartz, que eran os nosos best sellers”, recorda Begoña, a filla que hoxe leva o negocio. Nos oitenta e principios dos noventa, conta, as novidades chegaban en lotes de vinte ou trinta libros e despachábanse en dous ou tres días e pedíanse máis. Hoxe, xa desde antes da crise, a venda do lote demórase durante semanas ou meses. Os tempos seguen cambiando. “Hai máis autores, máis oferta, de todos os xéneros, e iso obriga a ir acumulando stock; o stock é necesario, porque o cliente chega e quere xa o libro, antes podían esperar, pero hoxe non”, di Begoña.

Consuelo e Manuel na libraría Couceiro

Os pais levantaron Couceiro, unha marca de prestixio nas librarías coruñesas, a base de traballo. “Das oito da mañá ás nove da noite e en épocas de comezo de curso, mesmo até a madrugada”, lembra Consuelo. “Había que facer reconto, pasalo a limpo, poñer os prezos a man, facer os pedidos… moito traballo inda que as librarías parezan fáciles de atender”, di Manuel. Nos noventa Consuelo quedou na papelaría e Manuel asentouse na libraría. A familia xa botaba unha man. Agora esperan á terceira xeración. María, que garda silencio mentres falan os maiores. Escoita e non di nin si nin non. “A min claro que me gustaría que continuara co negocio”, confesa Consuelo. “Eu aquí aprendín moito. Moitas cousas sobre os libros que sabían os clientes. Nunca fora moito de ler, pero funme habituando”, di Manuel. “Temos clientela de toda a cidade, mesmo da provincia, en no ano 98 abrimos a libraría da Agra do Orzán, tamén na ronda de Outeiro. Si, non haberá moitas librarías que teñan dúas tendas na mesma rúa. Pero que naquela zona había moitos clientes, os que vivían no barrio e a xente que viña de fóra, da parte da Costa da Morte e por aí. Por iso ampliamos os puntos de venda”.

Manuel e Consuelo con María a súa neta

María mira ao avó e Consuelo non perde de vista á neta. “Houbo tempos moi bos”, di a avoa. “Agora veñen os malos”, replica el. “Por exemplo, os libros recomendados véndense menos. Baixou tamén o galego. E están as bibliotecas. Antes case todo o mundo compraba os libros, pero hoxe as bibliotecas teñen moitos fondos”. Manuel non ve un futuro claro na libraría, e Consuelo mira para a neta: “É certo, foron pechando moitas, quedan menos e quedaran poucas, pero posiblemente haxa outras formas de negocio. O segredo está en traballar, traballar e traballar. Nos fixémolo así”. “Se encontra outra cousa, que a aproveite”, pecha o avó.

Manuel recoñece que o seu foi “un bo oficio”, que tivo sorte coa clientela e que lle gustaría que o nome da súa libraría, Couceiro, se asociase sempre “ao bo trato á clientela”.

Consuelo e Manuel, mozos de Xanceda e Albixoi nos cincuenta, matrimonio de libreiros desde os sesenta, miran cara atrás e din que non terían feito as cousas de outra forma. Hoxe, rodeados de libros cun apelido respectable e un negocio consolidado en mans da segunda xeración, din que a viaxe a través de tantas historias alleas sen sequera moverse de rúa pagou a pena.


 

Unha viaxe de 55 anos sen sequera cambiar de rúa