Memoria histórica

"A Transición Sangrenta": proxección e debate sobre a represión franquista na Coruña

O filme 'Las armas no borrarán tu sonrisa' revé os mitos da Transición española e recorda os centos de vítimas da represión estatal e fascista. Este venres 23 de maio, a Coruña acollerá un acto con testemuñas directas e o director do documental.

"A Transición Sangrenta": proxección e debate sobre a represión franquista na Coruña
Cartaz acto
Cartaz acto

A Coruña, 20 de maio de 2025.— O 20 de novembro de 1975 morreu Franco, e dous días despois, Juan Carlos I foi proclamado rei. Así comezou a Transición española, un período presentado como unha pacífica chegada á democracia, pero que esconde unha historia de represión, torturas e asasinatos.

Este venres 23 de maio, o local da CGT na Coruña (Rúa Entrepeñas, 6) acollerá a proxección do filme 'Las armas no borrarán tu sonrisa', un documental que desmonta o relato oficial e recupera a memoria dos máis de 300 asasinados pola policía e grupos fascistas entre 1973 e 1981. O acto, organizado por Esquerda Revolucionaria, o COT (Colectivo de Olvidados por la Transición) e o Sindicato de Estudantes, contará coa presenza de familiares de vítimas e do director, Adolfo Dufour.

A Transición que non contaron

Mentres a historia oficial celebra a Transición como un proceso modélico, o documental denuncia que as liberdades democráticas foron conquistadas grazas á loita obreira, estudantil e popular, fronte a unha brutal represión. A Lei de Amnistía de 1977 garantiu a impunidade dos responsables de crimes durante o franquismo e os primeiros anos da democracia.

"Non foi unha transición, foi unha continuidade con maquillaxe", sinala o guionista Adolfo Dufour. "Os mesmos que torturaron e asasinaron seguiron libres, mentres as vítimas seguiron sen xustiza".

Testemuñas da represión

Entre os participantes do debate estarán:

  • Javier Almazán, irmán de Ángel Almazán, asasinado pola policía en decembro de 1976 durante unha manifestación.
  • Olga Gutiérrez, cuñada de Arturo Ruíz, estudante morto polos Guerrilleros de Cristo Rey en 1977.
  • Adolfo Dufour, guionista e director do filme.

O acto terá lugar ás 18:30 h. e pretende reflexionar sobre as leccións deste período nun momento no que a extrema dereita e a represión volven medrar.

  • Data e lugar: Venres 23 de maio, 18:30 h. | Local da CGT (Rúa Entrepeñas, 6, A Coruña)
  • Organizan: Esquerda Revolucionaria, COT e Sindicato de Estudantes

"A Transición Sangrenta": proxección e debate sobre a represión franquista na Coruña