Festas María Pita
O festival Autobán regresa á Coruña para celebrar a súa 11ª edición coa autoedición por bandeira
A Asociación Cultural Autobán promove unha nova cita que terá lugar esta semana no Circo de Artesáns e na Praza de San Andrés, onde máis de noventa creadoras e creadores daranse cita cunha programación que inclúe obradoiros, música e o seu célebre Combate de Debuxantes.
A CORUÑA. O festival de fanzines e cómic autoeditado Autobán volve esta semana á Coruña para celebrar a súa undécima edición. A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, é a responsable desta nova cita que contará cun cartel asinado polo debuxante Luis Yang, gañador do I Premio Autobán 2023-2024. As localizacións elixidas repiten éxito: o Circo de Artesáns e a Praza de San Andrés acollerán o evento durante as xornadas do venres 15 e o sábado 16 de agosto.
Programa e actividades do Autobán 2025
- Máis de noventa creadores e creadoras inscritos presentarán as súas obras e novidades neste festival. A programación inclúe diversas actividades, entre as que destacan:
- Obradoiros: para que os asistentes poidan aprender e experimentar coa autoedición.
- Sesións de DJ’s e música en vivo: poñendo a banda sonora ao evento.
- Presentacións ultrarrápidas: un espazo dinámico para coñecer proxectos de forma áxil.
- Combate de Debuxantes: o xa tradicional e famoso concurso do festival, do que saíron talentos recoñecidos como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso ou Jorge Parras.
Ademais, no marco do festival Viñetas desde o Atlántico, o Autobán tamén organiza a mostra ‘Expofanzines Autobán’. Na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, o público poderá ver e ler as obras presentadas ao II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego. A exposición estará dispoñible desde o 11 de agosto ata o 21 de setembro.
Outras actividades en colaboración co Viñetas desde o Atlántico 2025 son un posto na Rúa da BD, sinaturas dos gañadores do I e II Premio Autobán, un obradoiro de fanzine con María Macía en Palexco (martes 12 de agosto, 12:00h) e un concerto ilustrado da banda Hombre Tigre con debuxo en directo de Nabel Colazo e Raquel Montero no Teatro Colón (xoves 14 de agosto, 21:00h).
Unha nova presidenta para a Asociación Autobán
A Asociación Cultural Autobán estrea nova presidenta: a debuxante Uxía L’arrosa. Cunha traxectoria de máis de dez anos, Uxía gañou xunto a Luis Yang o Premio Castelao de Banda Deseñada 2022 coa súa obra O bico da serea, da que é guionista.
A información completa da nova edición e as súas actividades pode consultarse na páxina web da asociación: www.autoban.gal.