libros

"Non hai pedra nin parede que impida que a palabra medre": unha conversa con Aurora Abelairas sobre poesía e memoria

Non vos vou contar quen é ou que fai Aurora Abelairas Vilariño porque xa o vades ler agora. O que si vos quero dicir é que para arrincar esta serie de entrevistas a poetas e creadoras variopintas, o facemos hoxe, Día Internacional da Poesía, precisamente con ela. E que, alén de efémerides e datas sinaladas en vermello nos calendarios que moitas veces non pasan do anecdótico, o que si é certo é que os días coma hoxe posuen unha carga e conteñen un significado que non nos pasa desapercibido. Por iso escollemos a Aurora, pois se alguen merece que se recoñeza e se poña no seu lugar a súa obra e traxectoria vital e artística e sen dúbida algunha ela. Nos poñemos o que temos: un espacio para que se escoite a sua voz. Vos deixamos xa ca entrevista. Por moitas máis Auroras. Lume e poesía!

"Non hai pedra nin parede que impida que a palabra medre": unha conversa con Aurora Abelairas sobre poesía e memoria
Aurora Abelairas
Aurora Abelairas

Para quen non te coñeza, quen é Aurora e como se definiría?

Aurora é unha muller que transita, que xoga con diferentes personaxes, proxectos e nomes. Depende moito do momento no que me collas. Cústame definirme, non só por etapas, senón por momentos do día. Agora mesmo diríache que son unha muller atravesada por moitas cousas, habitando o rural.

Hai non moito que sacaches algo, non sabemos se fanzin, poemario ou mapa do tesouro...Que é a Cartografía poética do Condado?

É un intento de integrar dúas cousas moi importantes para min: a socioloxía e a poesía. A idea era localizar eses lugares cotiáns onde a xente se atopa e darlles unha volta a través da poesía. Incorpora un mapa desplegable que sirve para orientar a lectora polo espazo do poemario, integrando lugares presentes e pasados, sensacións e memorias recollidas nos encontros ca comunidade. 

Como xorde o proxecto e por que o Condado?

A partir dunha residencia en Ponteareas en 2024. Presenteino, seleccionárono, e iso permitiume comezar. Desde entón, continúo financiándoo con meus propios recursos, porque considero que é un proxecto moi valioso e quero manter a independencia creativa e o contacto directo coa comunidade. A relación co Condado nace a partir da miña participación no Festival de Poesía que se fai alí.

E como foi o traballo coas aldeas de alí?

Contactei con asociacións e xente do territorio, e fixen encontros abertos. A xente falaba dos seus lugares, das historias, das emocións… e eu recollía todo iso.

Traballabas máis coa memoria ou co presente?

Partía do presente, dos lugares que se usan hoxe. Pero iso levaba inevitablemente ao pasado.

Como pasas dese material á escritura?

Gravaba, tomaba notas, e cada día escribía co material fresco. É unha escritura moi atravesada pola comunidade.

Hai un verso que destaca: “Non hai pedra nin parede que impida que a palabra medre”. Que hai aí?

A palabra segue, mesmo cando todo o demais cae. A pesar da represión, da desaparición, do tempo.

Que cousas se repetían ou aparecían con máis forza?

Moito o que xa non está. O que desapareceu ou foi usurpado. Tamén apareceu moito o tema da ditadura, nas referencias ao que foi prohibido, ao que se quitou.

Xorderon tamén historias relacionadas con prácticas prohibidas?

Si. Por exemplo, a música tradicional prohibiuse na aldea de Toutón, e unha muller contaba que aprendera a tocar a pandeireta cun prato, e esa música só se empezou a recuperar nos anos 90.

Viviches tamén situacións ligadas á memoria histórica do lugar?

Si. En Cabreira estaban facendo unha exhumación de persoas represaliadas polo franquismo. Era algo moi presente, moi vivo, que estaba pasando nese momento.

Que relación ves entre poesía e política?

Para min é unha ferramenta política. Pero non só no que se di, senón en facelo: en estar, en implicarse, en poñer o corpo. Directamente, a poesía é unha ferramenta política para min, e busco lugares onde me sinta cómoda politicamente tamén. Cada persoa pode aportar: un poeta, un electricista, un abogado… cada quen suma desde a súa posición. Para min é fundamental implicarse e saír do privilexio, facendo que a acción poética se converta tamén en compromiso real.

Como foi o proceso con manchea, a imprenta?

Foi un proceso bastante coidado. Non só imprimir, senón ver como todo ese material pasaba a ser un obxecto. Houbo unha implicación grande, un traballo moi próximo.

Cambiando un pouco de tema...Que é Esbardalle? E Poematrix?

Esbardalle xorde arredor de 2012. Un colectivo co que facíamos recitais abertos, moi participativos, cunha participación da xente que acudía libremente. As “timbas” eran convocatorias onde calquera podía recitar poemas, xogar coa poesía. Houbo un peso importante das ocupas á hora de xuntarnos e facer cousas, pero tamén fixemos actividades noutros lugares.

Poematrix foi unha extensión disto, máis lúdica e interactiva: unha máquina expendedora de poemas onde unha persoa estaba dentro dunha caixa e outra tiña que falar con ela para seleccionar un poema. Levámola a bares, a paseos, sempre xogando coa participación do público, rompendo a distancia entre actor e espectador. Foi un proceso creativo, colectivo e moi divertido, unha forma de levar a poesía á vida cotiá e ao encontro directo co público.

E de aí o punk...As Tres Nebrosas e Verbena Velutina?

As Tres Nebrosas foi o encontro con Carmen e Tania. Foi un proxecto explosivo, onde traballamos desde o corpo, a poesía e o escénico.

Verbena Velutina foi máis festiva e colectiva, con esa enerxía punk que nos permite mesturar música, poesía e encontro. Xuntas son proxectos de liberdade creativa, de comunidade, espazos para experimentar e xogar con linguaxes diversas.

Que proxectos futuros tes en mente?

Ando sementando, non sei a onde me vai levar. Estou aberta ao que poda acontecer, apuntándome a convocatorias que se alineen coas miñas ideas. Tamén quero integrar a poesía nos procesos comunitarios da miña aldea que é a terra do meu pai, Castelo en Taboada. Crear refuxios para artistas, eventos, ou formas de levar os saberes locais á poesía. Todo sempre vinculado ao rural e á autoxestión.

Que é para ti a poesía?

É unha forma de vivir. Está en todo, non só nos versos. Na xente, nos xestos, no que pasa arredor. Para min fai a realidade máis habitable. Vexo poesía en todos os lados: na panadeira, en quen traballa na leira, en quen pinta un cadro… Non é só catro versos nunha folla. Para min está absolutamente integrada na miña vida.

Tes algo máis que queiras engadir?

Quero enviar un saúdo á miña nai Bicos Mamá!!!

Acompañamos a entrevista co poema que abre o Cartografía Poética do Condado:

Manifesto

Cartografía 
dun encontro.

Cartografía dun intre 
do tacto 
dun encontro 
da auga.

Recollido 
no vagar do ceo 
altitude dependente 
coordinación sublevada 
baixo imperativo de ar.

Estalido en crecente 
rotura 
en tódolos pedazos 
que unha gota 
pode soportar.

Caída libre.
Cartografía en movemento 
destino ausente 
do imposible.

Non hai pedra 
nin parede 
que impida 
que a palabra medre.

Caída libre.

Caer 
sobre tella 
lembranza 
ou sobre ti.

Evaporarse
estalar
facerse mar.

E ser 
testemuña 
de lugares 
que son persoas, abeiro 
casa.

Lugares 
 que son pertenza, historia 
 encrucilladas
que crean comunidade 

ou 
a lo menos 
axudan a encontrala.

"Non hai pedra nin parede que impida que a palabra medre": unha conversa con Aurora Abelairas sobre poesía e memoria