Paz y Noviolencia
“Este ano o Nonviolencia Activa Fest vai ser inesquecible”: Marisa Fernández, presidenta de Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña
A asociación Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña organiza este sábado a terceira edición do Nonviolencia Activa Fest, un evento cultural que une diversas disciplinas artísticas para visibilizar a loita contra os distintos tipos de violencia e a defensa dos dereitos humanos e do planeta. A presidenta da entidade, Marisa Fernández, comparte os detalles desta cita, que terá lugar a partir das 17:00 horas no Centro Social Ágora.
Esta xa é a terceira edición do Nonviolencia Activa Fest. Como vivistes este camiño?
Vivímolo con moito agarimo. Na primeira edición, que realizamos na praza de María Pita, improvisamos moito; foi un evento case espontáneo que naceu dunha idea tan sinxela como celebrar o Día da Nonviolencia Activa cunhas guitarras na praza. Desde entón, uníronse a nós moitos artistas e persoas que compartían ese anhelo de ter un día para reunirnos e atoparnos quen cremos na transformación social desde a nonviolencia.
Que nos agarda este ano?
Volvemos ao Ágora unha vez máis cunha exposición que reúne once artistas plásticos. A mostra titúlase “A unidade de todas as cousas” e reflexiona arredor dunha idea que o festival sempre representou: a arte, como exemplo vivente e tanxible da beleza, é un instrumento de amor e transformación. Despois contaremos con catro concertos de músicos locais que comparten esa inspiración e que nos regalarán unha gala emocionante e moi divertida. Este ano o Nonviolencia Activa Fest será inesquecible.
Por que considerades que é importante este evento como parte do voso activismo?
Ao mundo fáltalle esperanza. Moitas veces, mentres estamos inmersas na loita diaria por cambiar as cousas, sentimos que nada serve, que todo son esforzos en balde. Máis aínda cando vemos líderes mundiais escollendo sistematicamente a violencia. Esa desesperanza non só desmobiliza, senón que tamén é unha forma de derrota. Quen aposta pola guerra e converte a vida nun maltrato continuo quere vernos así, cos brazos baixados. O Nonviolencia Activa Fest foi sempre unha celebración, non só unha denuncia do que vai mal. Queremos lembrar que tamén hai moito que celebrar, que o ser humano está a tempo de cambiar aquilo que nos dana e de transcender cara a outra forma de conciencia, de convivencia e de estar no mundo. Por iso é importante: devólvenos a esperanza.
Este ano celébrase o 14 de febreiro. Que relación ten o festival con esta data?
Non escollemos o día, pero cando nos comunicaron a data entendemos que era unha oportunidade. Decidimos resignificar o Día do Amor, levándoo do comercial e romántico ao colectivo e transformador. Un San Valentín revolucionario no que abracemos o amor como forza de transformación social. Estamos namoradas da vida que se expresa a través da nonviolencia. Arte, amor e nonviolencia son tres palabras que xuntas teñen unha potencia enorme e que camiñan da man no Nonviolencia Activa Fest.