Paz y Noviolencia

Así soará o Nonviolencia Activa Fest este 14 de febreiro no Ágora

O sábado 14 de febreiro, o Centro Social Ágora da Coruña acollerá o Nonviolencia Activa Fest (https://mundosenguerrascoruna.wordpress.com/nonviolencia-activa-fest-2026/) un evento con entrada libre e gratuíta ata completar aforo no que participarán máis dunha quincena de artistas. Belém Tajes, Feral Booty, Misuria e Planète Sauvage serán as e os protagonistas da súa gala musical.
Así soará o Nonviolencia Activa Fest este 14 de febreiro no Ágora
Nonviolencia Activa Fest III Cartel Música
Nonviolencia Activa Fest III Cartel Música

Esta terceira edición do festival cultural, organizado por Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña, comezará ás 17:00 h cunha exposición de artes plásticas na que participarán as obras de 11 artistas. A partir das 18:00 h, o escenario do Ágora converterase nun espazo compartido onde a música será a linguaxe común.

Belém Tajes é cantante, música e compositora. Nada en Bos Aires, pero galega, cultiva un proxecto fondamente persoal que mestura tradición, pop, electrónica e outros sons contemporáneos, tecendo pontes entre a sonoridade latinoamericana e a galega, cunha proposta que bebe da terra e do mar para chegar á emoción.


 

Feral Booty preséntanse como mutantes dun futuro de merda que viaxan no tempo ata o presente para conseguir unha cabra, comerse todo o lixo e a merda e convertela en chan fértil. Un clásico apocalíptico do underground herculino, cun son entre o punk e o folk, disposto a revolcarte polo po.


 

Misuria é un quinteto que rende homenaxe á música tradicional norteamericana a través do blues, folk, swing, gospel e bluegrass, cunha proposta que xira arredor da voz de Alba Furacán, acompañada de instrumentos como as harmónicas, a táboa de lavar, o lap steel e os kazoos, nun espectáculo divertido, diferente e para todos os públicos.


 

Planète Sauvage, formado por Darío Pérez e Cecilia Burillo, propón unha viaxe sonora para quen queira fuxir do ruído constante e do cansazo, combinando guitarra eléctrica, piano, violoncelo, sintetizadores e voces nun espazo de refuxio creativo onde a música é unha experiencia sensorial que atravesa a pel ata o profundo.



O Nonviolencia Activa Fest volverá así converter o Centro Social Ágora nun punto de encontro para a música, a arte e a celebración colectiva o 14 de febreiro, cunha programación que aposta por reivindicar a nonviolencia, a paz e o amor como forza colectiva e transformadora, entendendo a cultura como ferramenta esencial para  a convivencia.

Así soará o Nonviolencia Activa Fest este 14 de febreiro no Ágora