Xenocidio en Gaza
A clase obreira da Coruña clama polo fin do xenocidio en Palestina
A Coruña, 16 de outubro de 2025.- A Coruña foi o escenario dunha multitudinaria manifestación que tivo lugar no marco da xornada de folga xeral de 24 horas por Palestina convocada no Estado español pola Confederación Xeral do Traballo (CGT). Miles de traballadoras e traballadores saíron á rúa para mostrar o seu rexeitamento ao "xenocidio perpetrado polo Estado terrorista de Israel" e a "complicidade dos EEUU e os gobernos da Unión Europea".
A mobilización, organizada pola CGT xunto con outros sindicatos combativos e organizacións sociais propalestinas da cidade, comezou na Delegación do Goberno e culminou no Obelisco. Fontes do sindicato convocante afirman que "as traballadoras e traballadores volvemos a demostrar que están coa causa palestina", amosándose satisfeitas coa xornada de loita.
Durante a manifestación, volveuse a esixir o fin do xenocidio, a ocupación ilegal e o apartheid en Palestina. Os manifestantes rexeitaron firmemente o "plan colonial deseñado por Trump e Netanyahu e que os gobernos europeos apoian sen fisuras", a pesar de que o goberno israelí incumpre o alto ao lume e segue bloqueando a entrada da axuda humanitaria en Gaza.
Unha das principais demandas dirixidas ao Goberno central, formado polo PSOE e Sumar, foi a ruptura de todo tipo de relacións con Israel e a aplicación dun embargo formal e real de armas.
Desde a CGT recalcan que a clase traballadora "volveu a deixar clara a solidariedade co pobo palestino" e indican que continuarán coas accións de protesta tanto nas rúas como nos centros de traballo. O obxectivo final é claro: acadar unha paz real, que se xulgue aos responsables do xenocidio e que o pobo palestino poida decidir sobre o seu futuro e recuperar as terras ocupadas ilegalmente por Israel.