Paz y Noviolencia
Máis dunha quincena de artistas reúnense pola paz o 14 de febreiro no Nonviolencia Activa Fest do Ágora
Tras máis dun ano de espera, a Coruña acolle a terceira edición do Nonviolencia Activa Fest, (https://mundosenguerrascoruna.wordpress.com/nonviolencia-activa-fest-2026/ ) unha cita cultural que aposta pola arte e a cultura como ferramentas de transformación social. O festival, organizado por Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña, celebrarase o venres 14 de febreiro, a partir das 17:00 horas, no Centro Social Ágora, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
O evento abrirá as súas portas ás 17:00 h. Ás 17:30 h terá lugar unha visita guiada para inaugurar a exposición de artes plásticas que forma parte do festival, presentada por M. Touzón e Chelo Facal. Nesta edición participan once artistas: Carlos Manuel Armas, Chelo Facal, Alberto Franco, Begoña Pastoriza, Roiayer, Lola Saavedra, Bego Tojo, M. Touzón, Gosia Trebacz, Nena Ventura e Xulia Weinberg, cun conxunto de obras que dialogan arredor da paz, a nonviolencia e os dereitos humanos.
Ás 18:00 h comezará o evento en directo, conducido por Estela López e Yosi Ledesma, que darán paso ás actuacións musicais de Belém Tajes, Feral Booty, Misuria Blues e Planète Sauvage, nunha celebración colectiva da creatividade, da diversidade artística e do amor como forza de cambio social.
Coincidindo co Día dos Namorados, o Nonviolencia Activa Fest propón unha celebración alternativa: estar namoradas dunha palabra que o atravesa todo, a noviolencia. O festival reivindica que o amor tamén pode ser colectivo, político e transformador, e que existen outras maneiras de relacionarnos, de crear e de vivir fóra das dinámicas da violencia.
Este encontro de artes diversas ao servizo da paz reúne a máis dunha quincena de artistas que residen na Coruña e Galicia, cunha idea común: loitar contra todas as formas de violencia, defender os dereitos humanos e construír un futuro máis xusto. Nun contexto global marcado pola guerra, a exclusión e o individualismo, o Nonviolencia Activa Fest quere poñer o foco no encontro, no coidado e na forza colectiva de sabernos moitas as persoas que cremos que un mundo sen violencia é posible.