Dereito internacional
Milleiros de persoas claman en Compostela contra a intervención dos EUA en Venezuela
Santiago de Compostela | 10 de xaneiro de 2026
Máis de 2.000 persoas percorreron este mediodía as rúas de Santiago de Compostela para amosar o seu rexeitamento frontal á intervención militar de Estados Unidos en Venezuela. Baixo o berro unitario de “o imperialismo é terrorismo”, a mobilización denunciou a violación da soberanía do país caribeño e esixiu a posta en liberdade do presidente Nicolás Maduro e da deputada Cilia Flores, capturados tras o inicio das hostilidades o pasado 3 de xaneiro.
A marcha, que partiu da Alameda pasadas as 12:00 horas, estivo organizada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e contou co apoio de máis dunha vintena de organizacións sindicais, políticas e sociais. O lema da convocatoria, ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, presidiu un percorrido que atravesou o corazón da capital galega ata desembocar na Praza de Praterías.
Unha violación do Dereito Internacional
Durante o percorrido, os voceiros da protesta cualificaron a intervención militar liderada por Washington como unha manobra "ilegal" que carece de calquera autorización do Consello de Seguridade da ONU. Segundo os organizadores, o ataque constitúe unha vulneración grave da Carta das Nacións Unidas e do principio de non intervención, representando un ataque directo contra o dereito á autodeterminación dos pobos.
Ao remate da manifestación, procedeuse á lectura dun manifesto político que debullou a situación actual en Venezuela tras os ataques iniciados hai unha semana, nos que se estima que máis de 100 persoas perderon a vida e foron destruídos centros de saúde e infraestruturas universitarias.
O petróleo e o dólar no centro do conflito
No manifesto lido en Praterías, denunciouse que os argumentos de Washington —baseados na loita contra o narcotráfico ou a suposta ilexitimidade electoral— son "falsos e cínicos".
"Donald Trump expuxo claramente que o que quería de Venezuela era petróleo gratis e apropiarse dos recursos naturais, volvendo á doutrina Monroe para converter o país nunha colonia", rezaba o texto.
Tamén se sinalou a importancia económica da disputa, destacando que a administración estadounidense busca protexer a hexemonía do patrón dólar fronte ao comercio venezolano en outras moedas, que se viña desenvolvendo desde hai máis dun ano.
Solidariedade internacionalista desde Galiza
A mobilización non esqueceu a vinculación histórica entre ambos países, lembrando que Venezuela foi terra de acollida para miles de galegos durante o franquismo. O manifesto incluíu catro demandas fundamentais:
- Liberación inmediata de Nicolás Maduro Moros e Cilia Flores.
- Cesamento total da agresión militar e respecto á integridade territorial.
- Firmeza da comunidade internacional para condenar esta violación da legalidade.
- Fin das inxerencias noutras nacións de América Latina, África e Oriente Medio.
Finalmente, os asistentes expresaron o seu apoio á presidenta encargada, Delcy Rodríguez, e enviaron as súas condolencias ás familias dos militares e civís falecidos. A xornada pechouse cunha mensaxe de resistencia: "Desde Galiza enviamos unha mensaxe clara ao mundo: IMPERIALISMO, NUNCA MÁIS!".