parlamento europeo
Ana Miranda defende na Eurocámara a protección da pesca artesanal e o marisqueo fronte ás ameazas da contaminación
Estrasburgo, 19 de maio de 2026.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou hoxe no Parlamento Europeo a necesidade urxente de protexer a pesca artesanal e o marisqueo galegos fronte ás distintas ameazas que están a sufrir. Durante a súa intervención, a nacionalista salientou que as rías son un espazo de biodiversidade único no mundo do que depende directamente o modo de vida de moitas familias en Galiza, motivo polo cal esixiu unha especial protección institucional.
“Como eurodeputada galega, defendín no Parlamento Europeo que se protexa a nosa pesca artesanal e o noso marisqueo nas zonas costeiras marítimas galegas”, declarou Miranda en relación á súa participación nun debate crave sobre a xestión do litoral, titulado “Repercusións da aplicación da Directiva 2014/89/UE sobre a ordenación do espazo marítimo para a pesca en certas zonas de pesca”.
Ao seu xuízo, as rías galegas constitúen “zonas sensibles” que requiren un blindaxe inmediato ante riscos variados como a implantación da eólica mariña, a contaminación por residuos e macroproxectos industriais. A eurodeputada exemplificou estas ameazas mencionando o proxecto de Altri e a situación de Ence, sinalando que esta última “segue contaminando a ría de Pontevedra”. Así mesmo, alertou sobre as deficiencias na xestión de residuos, lembrando que a Comisión Europea mantén aberto un procedemento de infracción contra o Estado neste ámbito.
Coñecer as consecuencias reais
Ana Miranda amosouse especialmente crítica coa postura da administración autonómica, denunciando que “o goberno galego non está tomando as medidas suficientes e ademais ampara proxectos contra a pesca e contra o marisqueo”. Segundo a eurodeputada, existe actualmente un firme “clamor social” contra os plans de eólica mariña, o que supón tamén unha seria advertencia para o Goberno Central.
Neste sentido, a representante do BNG esixiu que non se aplique o POEM (Plan de Ordenación do Espazo Marítimo) mentres non se avalíen con total certeza e rigor as consecuencias que o desenvolvemento da eólica mariña pode ter sobre a pesca artesanal e o marisqueo. De non facerse así, advertiu, as repercusións poderían ser de extrema gravidade para o sustento económico de moitas familias galegas na costa.
“Nós estamos advertindo que non queremos que veñan fondos europeos para amparar esa contaminación e que debe protexerse precisamente pola importancia que ten un sector pesqueiro, marisqueiro e de cultivo de mexillón único no mundo”, manifestou con contundencia.
Miranda concluíu informando de que, ante a Comisión de Pesca da Eurocámara, defendeu a necesidade de acometer unha profunda reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Esta reforma, segundo sinalou, debe poñer no centro a realidade do sector galego, garantir fondos suficientes para a supervivencia do marisqueo e a pesca artesanal, e frear de xeito definitivo a continua destrución de emprego no litoral.