Mineiría

Ana Miranda: “Galiza non pode ser territorio de sacrificio para avanzar na carreira militarista da UE como pretende o PP”

A eurodeputada do BNG defende que o país precisa investimentos en cohesión, industria limpa e no rural fronte á reactivación de proxectos mineiros por parte das administracións populares.
Ana Miranda: “Galiza non pode ser territorio de sacrificio para avanzar na carreira militarista da UE como pretende o PP”
Ana Miranda minas Eurocámara
Ana Miranda minas Eurocámara

Bruxelas, 13 de maio de 2026.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou hoxe que diante da reactivación de proxectos de materias primas e de minaría que quere fomentar a Unión Europea (UE), “Galiza non pode ser un territorio de sacrificio, como pretende o goberno galego do Partido Popular, para avanzar nunha carreira militarista”. A representante nacionalista defendeu que Galiza precisa, pola contra, investimentos enfocados na cohesión, no rural, no medio ambiente e no impulso dunha industria limpa.

Neste sentido, Miranda criticou con dureza a intención do goberno galego de activar convocatorias para novos dereitos mineiros e de retomar explotacións en zonas como Corcoesto, Touro e San Fins. Segundo a eurodeputada, estes proxectos xa foran descartados no pasado debido á súa inviabilidade e á “contestación social enorme” que xeraron, lamentando que o Executivo do PP insista neles sen considerar a protección ambiental nin o rexeitamento veciñal.

“É por iso que, dende o BNG no Parlamento Europeo, reunímonos hoxe cunha serie de organizacións de Galiza e tamén do resto do Estado, contra os proxectos extractivistas como estes e outros tantos, como tamén os das materias primas críticas, como a mina de Doade”, explicou a eurodeputada galega. Recalcou que o país non pode ser un escenario onde se extraian recursos “sen ter en conta o impacto social, económico e produtivo”.

Precisamente neste ámbito, Miranda xa presentou diversas iniciativas nas institucións europeas e visitou en reiteradas ocasións as minas afectadas. Tras a selección por parte da Comisión Europea da mina ourensá de Doade como proxecto estratéxico para o litio, a eurodeputada remitiu hai meses unha carta ao Vicepresidente Executivo, Stéphane Séjourné, destacando que os recursos deben estar baixo a “estrita tutela de autoridades competentes” e suxeitos a un control democrático con salvagardas sociais e ambientais.

Finalmente, Miranda lembrou que en 2023 xa logrou incluír 43 emendas na Lei de Materias Primas da UE para garantir a protección do patrimonio cultural, o medio ambiente e a produción de alimentos fronte ao avance do extractivismo sen control.

Ana Miranda: “Galiza non pode ser territorio de sacrificio para avanzar na carreira militarista da UE como pretende o PP”