Memoria histórica
Ana Miranda reivindica en Bos Aires a memoria das 300 vítimas galegas no 50 aniversario do golpe en Arxentina
BOS AIRES | En nome do Bloque Nacionalista Galego, a eurodeputada Ana Miranda sumouse este 24 de marzo á histórica e multitudinaria Marcha polo Día Nacional da Memoria pola Verdade e a Xustiza en Bos Aires. A mobilización, que conmemora o 50 aniversario do golpe de estado que deu inicio á ditadura arxentina, serviu para lembrar ás 30,000 persoas desaparecidas, entre as cales se calcula que arredor de 300 eran de orixe galega.
Durante a xornada, Miranda acompañou ás Nais de Praza de Maio - Liña Fundadora e á Federación de Asociacións Galegas de Arxentina. A eurodeputada foi tallante na súa mensaxe contra o esquecemento: “Non pode haber impunidade cos xenocidios, sexan en Arxentina, o franquista ou o de Gaza; non podemos parar de denunciar os crimes de lesa humanidade para que a historia non se repita”.
Unha fronte contra o negacionismo
A participación do BNG prodúcese nun contexto político tenso en Arxentina. Miranda alertou sobre o "retroceso alarmante" que supón o goberno de Javier Milei. O presidente arxentino, cualificado pola eurodeputada como "neofascista", ten cuestionado as cifras de desaparecidos e barallado indultos para condenados por crimes de lesa humanidade.
"Traio o apoio do BNG e de moitas voces galegas para que nunca esquezamos a historia. Traio logros como o da recuperación do Pazo de Meirás para o pobo, como exemplo de que se pode avanzar fronte ao neofascismo", sinalou Miranda.
O compromiso coas "Nais Galegas"
A axenda de traballo en Bos Aires incluíu encontros de alta carga emocional con familiares das Nais Galegas da Praza de Maio, como Pepa Noia e Dionisia López Amado. O BNG lembrou que xa solicitou no Parlamento de Galicia o recoñecemento oficial destes desaparecidos e instou á Xunta a personarse na querela presentada pola Federación Galega no ano 2007.
A diferenza do modelo español, Miranda destacou que Arxentina foi un referente mundial ao xulgar aos responsables da ditadura, un legado de políticas públicas de memoria que agora se ve ameazado pola actual administración e a súa sintonía con movementos europeos de extrema dereita como Vox.