Parlamento europeo

Casares: “A conselleira de Medio Ambiente debería deixar de avergoñar a Galicia en Bruxelas”

O eurodeputado socialista critica con dureza as xestións de Ángeles Vázquez na UE, cualificándoa de "fracasada lobbista de Altri" e acusándoa de difundir bulos sobre o lobo e de atacar a independencia xudicial.
Casares: “A conselleira de Medio Ambiente debería deixar de avergoñar a Galicia en Bruxelas”
Nicolás González Casares no Paralamento Europeo
Nicolás González Casares no Paralamento Europeo

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, cargou hoxe contra a axenda institucional da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na capital comunitaria. Para o parlamentario, as visitas de Vázquez a Bruxelas estanse a converter nunha fonte de bochorno para a imaxe exterior da comunidade: “O mínimo que se lle pide a un conselleiro é non avergoñar ao pobo que representa”, sinalou Casares, quen non dubidou en afirmar que a conselleira "non ten límite á hora de avergoñar ao país".

Críticas á relación coa xustiza e "bulos" sobre o lobo

Casares denunciou o que considera unha "nova tradición" da conselleira: acudir ás institucións europeas para criticar á xustiza española. O eurodeputado lembrou que en 2024 Vázquez xa tentou presionar ao Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a través do Servizo Xurídico da Comisión en relación co parón eólico galego. Segundo o socialista, esta actitude reflicte a visión do PP sobre a xustiza: “submisión ou p’adiante”.

Doutra banda, o parlamentario lamentou o uso de "bulos" por parte da Xunta para xustificar a matanza de lobos. Casares subliñou que nin os propios informes técnicos da Xunta sosteñen as teses populares para desprotexer á especie, sentenciando que "non se pode facer máis o ridículo" en sede europea.

O mercado de carbono e a Lei de Costas

A xestión ambiental da Xunta tamén foi obxecto de crítica pola súa proposta dun mercado de carbono local. Casares instou á conselleira a centrarse en defender o sistema ETS da Unión Europea fronte aos ataques da súa propia "familia política" en lugar de promover iniciativas locais de dubidosa eficacia contra o cambio climático.

Finalmente, Casares cualificou de "manual de manipulación" as queixas da Xunta ante a Dirección Xeral de Mercado Interior sobre a reforma da Lei de Costas. O eurodeputado afeou a Vázquez que busque o aval da Comisión contra un proxecto legal aínda non aprobado e denunciou as contradicións nas cifras económicas presentadas polo Goberno galego. “Deben estar a aplicar os mesmos baremos que utilizaron para calcular os postos de traballo de Altri. Esa é a credibilidade desta Xunta”, concluíu.

Casares: “A conselleira de Medio Ambiente debería deixar de avergoñar a Galicia en Bruxelas”