sociedade
O Atlantic Pride 2026 convértese no epicentro do transformismo coa confirmación de sete novas 'drags'
A Coruña, 30 de marzo de 2026.- O "Orgullo do Norte" prepárase para a súa edición máis espectacular. O Atlantic Pride 2026 acaba de dar un golpe de efecto ao seu cartel coa confirmación de sete novas raíñas do transformismo que se unirán á xa anunciada Choriza May. Pitita, Chloe Vittu, La Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon son os nomes que elevarán o performismo e a diversidade na cidade herculina entre o 5 ao 12 de xullo.
Esta sétima edición non só aposta por figuras de impacto internacional, senón que equilibra a balanza co mellor talento local. Entre as incorporacións destaca Pitita, a flamante gañadora da terceira tempada de Drag Race España, recoñecida pola súa mestría na moda e o activismo. Xunto a ela, o escenario dos Xardíns de Méndez Núñez vibrará co descaro de Chloe Vittu, a "raíña máis choni", e a enerxía explosiva de La Niña Delantro, finalista da cuarta edición do programa televisivo e autoproclamada "lipsync assassin".
Talento galego e propostas musicais
O selo de identidade de Galicia estará presente coa elegancia folclórica de Sasha Moon, a forza escénica de Kim Miller, a espectacularidade acrobática de Saia Santa e a narrativa visual de Electra. Estas artistas repartiranse entre os escenarios da Praza de Pontevedra e os Xardíns de Méndez Núñez, asegurando unha semana de visibilidade e arte transformista.
Pero o Atlantic Pride é moito máis que drag. O festival, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), contará con actuacións musicais de primeira liña como Alba Reche, Miriam Rodríguez, a enerxía de Julieta e o agardado espectáculo electrónico «ZAHARAVE» de Zahara. O toque internacional porao Whigfield co seu mítico Saturday Night, mentres que o talento emerxente galego estará representado por bandas como arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e os Terrae Dj’s.
Un festival pioneiro e gratuíto
Desde o seu nacemento en 2019, o Atlantic Pride consolidouse como un referente de liberdade afectiva e sexual. Con preto de 45.000 asistentes na pasada edición, este evento gratuíto e inclusivo conta co apoio fundamental do Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, así como o patrocinio de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Durante oito días, A Coruña non só será a capital do "bo ambiente", senón un espazo seguro onde a música, a literatura LGTBIQ+ e a performance se dan a man para celebrar unha diversidade sen barreiras.