medio ambiente

O BNG exixe a paralización inmediata da macroplanta de biogás de Soandres mentres o PP tomba a iniciativa no Parlamento

Oscar Insua denuncia que o Goberno de Rueda "quere traer toda a merdallada que ninguén quere" e lembra o rexeitamento social e institucional e a oposición do propio alcalde popular da Laracha.
O BNG exixe a paralización inmediata da macroplanta de biogás de Soandres mentres o PP tomba a iniciativa no Parlamento
Biogas na Laracha Non
Biogas na Laracha Non

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026. O Parlamento galego rexeitou este mércores, co voto en contra do Partido Popular, a proposición non de lei presentada polo BNG que exixía a paralización inmediata do proxecto da macroplanta de biogás promovido pola empresa Bioenergía A Coruña na parroquia de Soandres, na Laracha. A iniciativa nacionalista tamén reclamaba a elaboración "inmediata" dunha normativa propia que regule a implantación deste tipo de industrias en Galiza, un baleiro legal que, segundo a oposición, está a deixar desprotexido o territorio.

O deputado do BNG, Oscar Insua, lamentou que o PP volvese repetir o mesmo voto negativo que xa emitiu hai un ano ante unha proposta "moi parecida". "Esperemos que recapacitaran, e que hoxe manifesten se van apoiar a nosa proposta ou non", advertira o deputado antes dunha votación na que os populares volveron pechar a porta a frear o proxecto.

Unha fronte común contra o proxecto

Insua comezou a súa intervención dando a benvida aos membros da Plataforma Stop Biogás na Laracha, á voceira municipal do BNG, Carolina Castiñeira, e a representantes de ADEGA, presentes na tribuna do pleno. O parlamentario lembrou que o pasado 9 de maio tivo lugar unha manifestación "histórica" na Laracha, que congregou a centos de persoas, e subliñou que a oposición ao proxecto é total na comarca. Non só se opoñen os veciños, senón tamén os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Cerceda, Culleredo e Arteixo, así como a Deputación da Coruña.

"O Goberno de Rueda quere traer toda a merdallada que ninguén quere", denunciou con dureza Insua, lembrando que a Xunta xa rexeitou proxectos similares noutros concellos da xeografía galega.

Datos dun impacto ambiental "insoportable"

O BNG detallou os números que rodean a instalación proxectada por Bioenergía A Coruña, cualificando o seu impacto de "inasumible" para a contorna do río Anllóns:

  • Superficie: Máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico.
  • Residuos: Tratamento de 63.500 toneladas anuais de refugallos.
  • Tráfico: Unha previsión de circulación de 13 camións diarios.
  • Consumo de auga: 1,5 millóns de litros de auga ao ano.
  • Efluentes: Produción de máis de 30.000 toneladas de efluentes líquidos e case 20.000 toneladas de digerato sólido sen tratamento.

Ademais, Insua criticou que o estudo de impacto ambiental non modelice os cheiros, a pesar de que o núcleo habitado de Vistalegre se atopa a menos de 300 metros da planta.

Ironía coa postura do PP

O deputado nacionalista utilizou as propias declaracións do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela (PP), para evidenciar as contradicións internas dos populares. O rexedor local declarou publicamente que viaxara a Burgos e Tarragona para ver plantas similares e que os cheiros eran "insoportables".

"O propio alcalde insiste en que o concello mantén desde o inicio unha posición firme e coherente en defensa do territorio. Se podes ver as alegacións presentadas polo concello contra este proxecto, calquera diría que son do Partido Popular", ironizou Insua. Finalmente, cargou contra o presidente Alfonso Rueda e os deputados do PP que cualificaron as protestas veciñais de "alboroto" e "pancarteirismo": "Eu hoxe pregúntolle ao PP se os que están detrás da pancarta son alborotadores, ou mellor poden preguntarlle ao alcalde da Laracha, que tamén está detrás da pancarta".

O BNG exixe a paralización inmediata da macroplanta de biogás de Soandres mentres o PP tomba a iniciativa no Parlamento