medio ambiente
O ecoloxismo mobilízase para esixir a suspensión "inmediata" da pesca do salmón no río Ulla
Santiago de Compostela | 06 de maio de 2026
A supervivencia do salmón atlántico en Galicia xógase este fin de semana nas augas do Ulla. Nove organizacións ecoloxistas e plataformas veciñais —entre as que figuran ADEGA, SGHN ou a Plataforma Mina Touro-O Pino Non— anunciaron hoxe a convocatoria dunha mobilización e a interposición dun recurso de alzada para deter o campionato de pesca con morte previsto para este domingo, 10 de maio.
A protesta central terá lugar este sábado, 9 de maio, ás 12:00 horas na Ponte Medieval de Pontevea (Teo e A Estrada). Baixo o berro de “Salmón vivo, Ulla vivo!”, as entidades pretenden frear un evento que tachan de “manifestamente incompatible” co estado de colapso que sofre a especie nos ríos galegos.
Unha "excepción" sen base científica
A polémica nace dunha contradición administrativa. A Orde do 11 de decembro de 2025, que regula a tempada de pesca, estableceu a veda total do salmón en toda Galicia debido ao seu estado catastrófico. Porén, a Xunta mantivo unha única e controvertida excepción: o campionato de catro coutos no río Ulla.
"É unha decisión arbitraria e carente de base científica", denunciou Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA.
As cifras avalan a preocupación ecoloxista. Segundo estudos recentes, a poboación de salmón no Ulla esborrallouse un 77,9% na última década. A nivel xeral, Galicia perdeu o 80% dos seus exemplares desde os anos 70, quedando apenas oito ríos con presenza reprodutora.
O río Ulla, entre a contaminación e as minas
A mobilización non só sinala a presión piscícola, senón tamén a degradación do ecosistema. Xaquín Rubido, da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, alertou de que a mala calidade da auga non só ameaza ao peixe, senón tamén a mariscadoras e bateeiras. Pola súa banda, Obdulia Lareo (Mina Touro-O Pino Non) lembrou que se teñen detectado niveis alarmantes de cobre nas escamas dos exemplares: "O Ulla non é un vertedoiro industrial; estas minas só deixan miseria".
Batalla legal pola protección
Dende o punto de vista xurídico, as entidades xa presentaron un recurso de Alzada contra a resolución de Medio Ambiente, solicitando a suspensión cautelar do evento. Lembran que existe unha solicitude en trámite para incluír o salmón no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo a categoría de “En perigo de extinción”, o que debería obrigar á administración a adoptar medidas de protección inmediatas.
A campaña #AlertaSalmónGalego xa recolleu máis de 2.500 sinaturas en apenas un mes. Mentres agardan unha resposta da Xunta —que polo de agora cualifica de "improcedentes" as medidas cautelares—, os colectivos apelan á "responsabilidade" dos propios pescadores para que renuncien a participar nun concurso que podería darlle a puntilla final a un dos símbolos máis emblemáticos da nosa biodiversidade.