medio ambiente

O Concello de Touro negocia ás agachadas "beneficios sociais" ante a posible reapertura da mina

As asociacións veciñais denuncian unha reunión secreta coas persoas afectadas polas captacións de auga e acusan ao Goberno local de preparar o terreo para a explotación mineira a cambio de renunciar á saúde e ao territorio.
O Concello de Touro negocia ás agachadas "beneficios sociais" ante a posible reapertura da mina
Mina Touro Non
Mina Touro Non

TOURO | 7 de maio de 2026

O conflito mineiro en Touro volve prender con forza tras os últimos movementos do goberno municipal e da Xunta de Galicia. O pasado 4 de maio, a Casa da Cultura de Touro acolleu unha "Reunión informativa proxecto mina Touro" que, lonxe de ser un exercicio de transparencia, foi cualificada polas entidades ambientais como un encontro "ás agachadas".

A convocatoria non foi pública. Segundo denuncian a Plataforma Mina Touro O Pino NON e a Asociación Tralapena, o Concello seleccionou unicamente a certos veciños con captacións de auga en Arinteiro, deixando fóra ás asociacións, a veciñanza que presentou alegacións e ao groso da poboación que depende desa mesma auga para o consumo diario en núcleos como Fonte Díaz ou Loxo.

Da oposición á "negociación"

O malestar veciñal medra ante o que consideran un cambio de estratexia do alcalde. Se nun principio o discurso oficial era o de impedir o proxecto, a recomendación saínte da reunión apunta cara a outra dirección: negociar os chamados "beneficios sociais".

"Parece que o que nos trasladan é que van negociar o que chaman beneficios sociais a cambio de ceder auga, terra, aire, saúde e vida", lamentan dende as asociacións.

Este xiro coincide coas recentes declaracións da Conselleira de Industria no Parlamento galego, quen defendeu que "hai vida tras a mina", poñendo en valor a dependencia social destes proxectos. Porén, para a veciñanza, esa "vida" tradúcese en precedentes nefastos como o de Monte Neme ou os corenta anos de vertidos e cheiros derivados do uso de lodos de depuradora na restauración de Touro.

Esixencias de transparencia e control ambiental

As organizacións opositoras foron tallantes: non hai conformidade para abrir a mina nin para pactar prezas polo benestar da comarca. Pola contra, esixen ao Concello accións concretas de vixilancia que, a día de hoxe, consideran insuficientes ou inexistentes:

  • Analíticas semanais: Control rigoroso dos ríos Ameneiro, Pucheiras, Portapego e Lañas, entre outros.
  • Vixilancia do aire: Instalación inmediata da estación de medición en Cruz de Méndez.
  • Control de residuos: Inspección das balsas seladas e catas nos terreos onde se depositan tecnosolos para evitar a contaminación de augas subterráneas.

Unha chamada á resistencia

Fronte ao derrotismo que, din, tenta instalar a administración, a Plataforma propón medidas de defensa activa, como a publicación dun bando municipal que desaconselle a venda de terras. Recordan que a mina aínda non está aprobada e que a prioridade absoluta debe ser conseguir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable.

Tras nove anos de loita, o movemento veciñal reclama que a "transparencia" deixe de ser unha palabra baleira e que as institucións se posicionen claramente ao lado da saúde pública e non dos intereses das empresas mineiras.

O Concello de Touro negocia ás agachadas "beneficios sociais" ante a posible reapertura da mina