medio ambiente

Medio século de defensa do territorio: ADEGA celebra 50 anos de ecoloxismo galego no Consello da Cultura Galega

O vindeiro 1 de xuño, Santiago de Compostela acollerá un acto conmemorativo nas vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, que incluirá a proxección do documental 'A Terra por gañar' e un debate histórico coas figuras clave da asociación decana.
Medio século de defensa do territorio: ADEGA celebra 50 anos de ecoloxismo galego no Consello da Cultura Galega
ADEGA 50 anos
ADEGA 50 anos

Santiago de Compostela, martes 26 de maio de 2026.- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e o Consello da Cultura Galega organizan o vindeiro luns, 1 de xuño, un acto conmemorativo para celebrar os 50 anos de historia da asociación decana do ecoloxismo galego. A xornada desenvolverase a partir das 17:00 horas nas instalacións do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, coincidindo coas vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño).

A programación inclúe a proxección do documental A Terra por gañar, unha peza audiovisual que percorre a historia da entidade desde a súa fundación até a actualidade a través das voces de persoas protagonistas do movemento ecoloxista galego. Tras a proxección celebrarase un debate no que participarán destacadas persoas fundadoras de ADEGA, da súa actual dirección ou vinculadas a ela: Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e expresidente de ADEGA; Adela Figueroa Panisse, socia fundadora da asociación e escritora; Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica da USC; e Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de ADEGA. A conversa estará moderada pola xornalista e secretaria executiva da entidade, Belén Rodríguez.

ADEGA 50 anos
ADEGA 50 anos

No marco desta celebración tamén se fará entrega do libro ADEGA: 50 anos coidando a terra, unha publicación que recolle a traxectoria da asociación e a súa contribución á conciencia ecolóxica e ás grandes mobilizacións ambientais do país.

ADEGA naceu a mediados da década de 1970, nun contexto marcado pola ditadura franquista e polos primeiros sinais de alarma ambiental a nivel internacional. Desde entón, a organización participou activamente das principais loitas ecolóxicas de Galiza, e contribuíu a frear proxectos de forte impacto ambiental como unha central nuclear, múltiples encoros, minicentrais hidroeléctricas, incineradoras, proxectos mineiros ou parques eólicos especialmente agresivos para o territorio.

Ao mesmo tempo, ADEGA impulsou iniciativas pioneiras de sensibilización e participación ambiental, como campañas de reciclaxe e compostaxe, limpezas simultáneas de praias e de ríos, o Proxecto Ríos ou propostas lexislativas populares no Parlamento galego.

Programa da xornada

  • 17:00 h | Presentación institucional (Consello da Cultura Galega, ADEGA, Deputación da Coruña)
  • 17:20 h | Proxección do documental A Terra por gañar
  • 18:15 h | Debate
  • 20:00 h | Peche da xornada

A participación na xornada é gratuíta pero cómpre de inscrición previa na ligazón oficial habilitada pola organización.

Medio século de defensa do territorio: ADEGA celebra 50 anos de ecoloxismo galego no Consello da Cultura Galega