medio ambiente
Máis de 800 persoas voluntarias retiran case 800 kg de lixo na XIV Limpeza Simultánea de Praias de ADEGA
Galiza, xoves 23 de outubro de 2025.
CEN DE VOLUNTARIADO E LIXO MARIÑO EN FOCO
Malia a meteoroloxía desfavorable, que obrigou a aprazar varias convocatorias, a resposta da sociedade civil foi masiva. Centos de persoas voluntarias, procedentes de centros de ensino, escolas de surf, asociacións, colectivos e particulares, sumaron esforzos ao longo do litoral galego. Traballaron de forma organizada en 22 concellos da costa, co obxectivo de sanear as praias despois da tempada estival e denunciar a grave problemática ambiental do lixo mariño.
A organización ecoloxista ADEGA calcula que, nesta decimocuarta edición da Limpeza Simultánea de Praias, se retiraron case 800 quilogramos de lixo.
CARACTERIZACIÓN DOS RESIDUOS
Como é habitual, os restos plásticos volveron ser os grandes protagonistas dos residuos recollidos. Arestora, destacan pola súa presenza as cabichas, os paus dos oídos, as toalliñas e outros produtos de hixiene. Alén disto, as xornadas de limpeza non estiveron exentas de achados menos convencionais, como calzado, traxes de baño, tubos, colchóns, rodas ou mesmo portas.
MÁIS ALÁ DA LIMPEZA PUNTUAL
Con accións coma esta, ADEGA non só busca poñer o foco sobre a acumulación de residuos nos areais galegos tras a tempada turística, senón tamén salientar a importancia de manter as praias libres de lixo para evitar que este acabe contaminando o mar.
A organización incide na mensaxe de que as limpezas de praias non deben ser feitos illados nin o voluntariado ambiental pode converterse en man de obra barata que supla as responsabilidades da administración.
ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que colaboraron na xornada, ao tempo que anima a calquera cidadá a recoller o lixo do noso litoral de xeito manual sempre que sexa posible, respectando os ecosistemas dunares e coidando a fauna e flora que neles habita.
A actividade contou co financiamento dos concellos de Ares, Cambados, Cangas, Fene, Muros, Nigrán, O Grove e Poio.}$$