Nota de prensa da Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana

Reflexión ante os incendios

Ante a actual situación de máxima urxencia e gravidade pola vaga de incendios que están acontecendo en  Galicia, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana debe facer unha  manifestación de solidariedade con todas as veciñas e veciños dos territorios afectados ante a  dramática situación que están a vivir nos seus pobos e parroquias.
Reflexión ante os incendios
Incendios
Incendios

O movemento veciñal estivo sempre  históricamente na primeira línea de movilización e participación do eido local, e demostrou unha  sensibilidade específica en situacións sociais dramáticas e sensibles, polo que debemos dignificar os actos  de traballo, colaboración e apoio que se reproducen entre o conxunto veciñal, os axentes forestais e as  administracións locais, dentro de cada localidade afectada. 

A situación actual foi definida polo propio director xeral de Montes como “a peor situación na historia dos  incendios”. Os datos son reveladores de que, efectivamente, estamos a vivir a situación máis crítica da  historia dos incendios de Galicia: máis de 30 concellos confinados, incendios en todas as provincias  galegas, máis de 20 focos activos (a 21 de agosto de 2025). O máis relevante, o da localidade de  Chandrexa de Queixa (Ourense), xa se converteu no incendio de maior extensión da historia de Galicia  (17.500 hectáreas), e é o de maior impacto en superficie na suma total de terreo queimado en Galicia este  verán, que xa supera a cifra das 50.000 hectáreas queimadas. Un aporte notable ás máis de 382.000  hectáreas dos últimos focos de incendios a nivel estatal. Ademais, actualmente hai restricións das  comunicacións terrestres con cortes de trens e estradas —como o corte do servizo regular de transporte  ferroviario entre Madrid e Galicia, que se prolongou durante cinco días e só foi restablecido o 20 de  agosto—. A isto súmase a poboación evacuada, as vivendas afectadas e o risco ambiental, para a  biodiversidade, a propia saúde pública e as consecuencias posteriores destes desastres sobre a economía  rural. 

Por todo isto, máis aló da necesaria solidariedade ante a gravidade do escenario, é necesario reclamar  que se inicie unha reflexión por parte da Consellería de Medio Rural, polas responsabilidades e  competencias que se teñen sobre as políticas que afectan ao eido forestal, a xestión dos montes e ao do  propio territorio para que esta sexa feita dunha maneira máis planificada e sostible tendo en conta o  inevitable proceso de cambio climático e a situación climática (frecuencia e intensidade das vagas de  calor, maiores períodos de seca, etc) e a súa afección as zonas con maiores temperaturas estivais e unha  gran proporción de solo forestal. Estes feitos deberían obrigar, en consecuencia, a unha revisión do plan  de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) para que, efectivamente, os  plans cumpran de forma eficiente como plans preventivos atendendo aos medios e recursos  orzamentarios necesarios para evitar esta situación, sabendo da complexidade do minifundismo galego.  Porque ante este contexto o que é necesario reforzar son as políticas preventivas de forma máis  responsable e eficiente para que este escenario actual non se volva a repetir cada ano, nin con maior  gravidade, tendo en conta que as súas consecuencias son danos ambientais, económicos e humanos  irreversibles. 

Reflexión ante os incendios