Subida peaxes na AP-9
Sumar Galicia reta a Óscar Puente a percorrer a AP-9 "pagando do seu peto" para esixir a súa nacionalización inmediata
SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31 de decembro de 2025
Movemento Sumar Galicia quere que o Ministerio de Transportes sinta na propia pel o que supón circular pola principal arteria de comunicación de Galicia. O seu secretario xeral, Paulo Carlos López, anunciou hoxe que enviará unha misiva ao ministro Óscar Puente a principios de ano co obxectivo de cadrar axendas para realizar unha viaxe conxunta pola AP-9, percorrendo o vial desde Ferrol ata Tui, ida e volta.
Porén, a invitación inclúe unha condición singular: López instou ao ministro a que "convide el" e que traia a súa tarxeta de crédito persoal, deixando a banda os fondos do Ministerio. O obxectivo, segundo o líder de Sumar Galicia, é que Puente experimente en primeira persoa o custo por quilómetro dunha infraestrutura que lastra a economía dos galegos. “Só así poderá comprender a dimensión do problema”, subliñou López, incidindo en que o pago diario destas peaxes supón un "imposto á mobilidade" para milleiros de traballadores, familias e estudantes.
Unha subida histórica en 2026
Esta ofensiva política prodúcese ás portas de xaneiro de 2026, data na que a AP-9 ten previsto rexistrar unha das maiores subidas de peaxes deste século. Para Sumar, este novo incremento é a pinga que colma o vaso nun modelo de xestión que consideran "esgotado e socialmente insostible".
A formación cualificou de "inaceptable" que a concesionaria continúe obtendo beneficios millonarios e recibindo compensacións públicas mentres a cidadanía soporta prezos abusivos. Segundo denuncian, as bonificacións parciais aplicadas ata o de agora son insuficientes e non resolven a anomalía de fondo: unha concesión que foi prorrogada de xeito irregular durante a etapa de José María Aznar e que está baixo a lupa das institucións europeas.
"Vontade política" fronte ao "negocio privado"
Paulo Carlos López foi tallante ao esixir a nacionalización inmediata e sen dilacións da autoestrada. “Non falamos de estudos nin de promesas a medio prazo, falamos dunha decisión política inmediata”, afirmou, lembrando que o Estado xa demostrou capacidade para rescatar vías noutras comunidades autónomas.
Desde Movemento Sumar Galicia insisten en que a recuperación pública da AP-9 non é un debate técnico, senón de xustiza social e cohesión territorial. A formación reclama que se depuren responsabilidades polo que definen como un "auténtico pelotazo contra Galicia" e esixe ao Goberno central que poña fin ao "secuestro" dunha infraestrutura esencial que debería estar, por dereito, ao servizo do interese xeral.