Buscar
00:57h. Miércoles, 18 de Julio de 2018

ACAMPA POLA PAZ E O DEREITO A REFUXIO

O cambio climático e as súas consecuencias, a debate na segunda xornada de acampa 2018

“Unha foto, unha historia” é outro dos encontros con convidados previsto para este sábado: Xosé Abad presentará, ás 19 h, o traballo conxunto dos fotógrafos Daesung Lee, Juan Pablo Moreiras e Ariadna Silva 

Mesa de partidos sobre Cambio climático y derecho a refugio
Mesa de partidos sobre Cambio climático y derecho a refugio
  • As proxeccións do documental “Katsikas, ecos dun éxodo”, de Rodrigo Vázquez (46 minutos, ás 17 h) e mais a curtametraxe “A viaxe de Said”, de Coke Riobóo (12 minutos, ás 18’30 h), serán as audiovisuais da xornada 

 

  • Un rocódromo para derribarmos os muros (de 17 a 20 h) e o Xogo da Oca (19 h), centran a oferta infantil 

 

  • Marcos Sorrentino e Simone Portugal conducirán o obradoiro “Da chabola ao alimento sustentable” (ás 17 h e ás 18 h), pero está previsto outro de AIRE Salvamento de primeiros auxilios (13 h) e un terceiro de iniciación á danza árabe (18 h, Kiosco Alfonso), así como dous concertos, o de Astrogirl (23 h) e Ezetaerre (ás 23’30 h) 

 

  • Outras propostas da xeira son as de OCV “Pegada ecolóxica: cantos planetas precisas?” (16’15 h), para calcular a pegada ecolóxica do planeta, e o proxecto “Mar de fíos” (17 h, Kiosco Alfonso), da ACCEM 

 

O cambio climático e a ameaza que supón para millóns de persoas en todo o mundo centrará a segunda xornada desta Acampa 2018, dedicada, precisamente, a chamar a atención sobre as persoas desprazadas a causa dese fenómeno irreversible e dramático. O programa de actividades deste sábado 15, multidisciplinar, é tan intenso como variado. Os eidos da xeira, no entanto, están en ambos os encontros con convidados previstos para a tarde na carpa central dos Xardíns. O das 19 horas, “Unha foto, unha historia”, da man de Xosé Abad, coordinador de Acampa, cos fotógrafos Daesung Lee, Juan Pablo Moreiras e Ariadna Silva, e por suposto o debate das 20 horas, “Cambio climático, millóns de persoas en perigo” no que participarán o sociólogo e director de ECODES (Ecología y Desarrollo), Víctor Viñuales; a investigadora do Instituto Universitario das Nacións Unidas para a Globalización, Valeria Bello; Pedro Vega, profesor de Educación Ambiental da UDC, e a directora de Radio Coruña-Cadena SER, Consuelo Bautista.

Visitas guiadas e actividades infantís

 

Este sábado 15 volverá a haber visitas guiadas tanto polo campo de persoas refuxiadas instalado nos Xardíns (ás 12’30 h e ás 18 h) como a dúas das mostras fotográficas que exhibe o Kiosco Alfonso; mesmo da man dos seus propios autores. En concreto, á dupla exposición fotográfica do convidado Daesung Lee (18 h), “Arqueoloxía futurista – A illa que desaparece”, a primeira sobre a perda de territorio da poboación mongol e a segunda sobre a progresiva desaparición da illa de Ghoramara, en Bengala Occidental, e tamén a de Ariadna Silva (11’30 h), “Cartografía do esquecemento”, sobre o deterioro medioambiental de Galicia, que introducirá Aitana Tubío.

As actividades infantís de mañá sábado xiran ao redor de dúas citas, o rocódromo “Derribemos os muros”, unha proposta de escalada e sensibilización de AMI que terá lugar nos Xardíns entre as 17 h e as 20 h, e o Xogo da Oca que conducirá Médicos do Mundo ás 19 h. Ademais, a curtametraxe de animación de doce minutos “A viaxe de Said”, de Coke Riobóo, na carpa de audiovisuais, ás 18’30 h, presentada por Luis Vivancos.

Obradoiros,  audiovisuais e concertos

 

Obradoiros ao dispor da cidadanía haberá varios. O de primeiros auxilios que organiza AIRE Salvamento ás 13 horas ten 25 prazas. Despois, de 16’15 h a 17’45 h igualmente nos Xardíns, a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) dirixe outro baixo o lema “Pegada ecolóxica: cantos planetas precisas?” Busca concienciar calculando a pegada ecolóxica do planeta.

De 17 h a 18 h e de novo entre as 18 h e as 19 h, discorrerá unha terceira proposta, “Da chabola ao alimento sustentable”, a cargo de Marcos Sorrentino e Simone Portugal (carpa central). Os de ACCEM abrirán as portas do seu proxecto “Mar de fíos”, ás 17 h, no Kiosco Alfonso, e unha hora despois, nese mesmo lugar, comezará un obradoiro de iniciación á danza árabe. Unha oportunidade para aprender a bailar as máis representativas de Siria, Líbano e Palestina, isto é, a raksa, a dabke e a karye. Aqueles cidadáns e cidadás que queiran participar teñen que levar roupa e calzado cómodos e tamén auga.

Os audiovisuais desta segunda xeira, proxectados na carpa instalada ao efecto nos Xardíns, serán o documental de Rodrigo Vázquez “Harry” sobre o drama de Katsikas, “Katsikas, ecos dun éxodo” (ás 17 h), que ten unha duración de 46 minutos, e mais a curtametraxe de animación de doce minutos xa citada, “A viaxe de Said”, de Coke Riobóo, ás 18’30 h, presentada por Luis Vivancos.

A xeira rematará ben avanzada a noite, cos concertos de Astrogirl, ás 23 h na carpa central, e o de EzetaErre media hora máis tarde tamén nos Xardíns. Este grupo galego de rap combativo será presentado por Clara López.

Proxecto Acampa

 

O movemento Acampa pola paz e o dereito a refuxio, que aúna ONGs, organizacións e asociacións cidadás e particulares de todos os ámbitos, este 2018 quere chamar a atención sobre un tema moi grave e urxente e, non entanto, aínda non recoñecido por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático. Informes de Nacións Unidas vaticinan que durante as próximas tres décadas as migracións por este motivo afectarán de 250 a 1.000 millóns de persoas. O 90 por cento deses movementos migratorios ocorrerá nos países menos desenvolvidos e dará lugar a novas e cada vez máis numerosas situacións de urxencia humanitaria.

Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro, posta en marcha polas ONGs que conforman Coruña contra a Guerra. Está integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais e artísticos; por persoas, institucións e empresas. Ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. Entre as organizacións que colaboran con Acampa están case todas as ONGs que traballan in situ cos refuxiados por todo o mundo.

Acampa 2018 conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial e ten a colaboración da Universidade coruñesa e de outras entidades públicas e privadas.