Comercio de barrio

A historia dunha óptica que ve medrar o Agra do Orzán

No Agra do Orzán hai negocios que son máis ca comercios: son familia, memoria e confianza. Óptica Souto leva máis de tres décadas axudando ao barrio a ver mellor… e o barrio tamén a mira a ela con cariño. Agora, unha nova xeración colleu o relevo sen perder a esencia de sempre: a proximidade.

A historia dunha óptica que ve medrar o Agra do Orzán
Souto 55
Ávaro, de Óptica Souto

Na Ronda de Outeiro 230 hai un negocio que leva 32 anos vendo medrar ao Agra do Orzán. Desde dentro, a través dos ollos de miles de veciñas e veciños, cambiou xunto ao barrio: as súas luces, as súas familias, os seus acentos. Chámanse Óptica Souto, e hoxe diríxea Álvaro Souto González, fillo do fundador. El é a continuidade dunha historia que comezou moi lonxe de aquí… e que, por sorte para todas e todos, rematou regresando á casa.

“Nacín en Barcelona, no Hospital de Sant Pau”, conta Álvaro. Os seus pais emigraran alí na procura de oportunidades. Seu pai, Fernando Souto, estudara Farmacia e Óptica. El traballaba nun laboratorio; ela, en enfermaría. Pero a morriña tira forte: “En canto puideron, volveron a Galicia”.

Fernando intentou abrir unha farmacia. Non foi doado. A vida levouno daquela a apostar pola óptica. Primeiro colleu experiencia noutros negocios, no Centro Comercial Cuatro Caminos. E cando atopou o lugar axeitado, abriu no Agra do Orzán: un barrio traballador, cheo de retornados de Suíza, de xente da refinaría e de tendas que se coñecían polo nome. E acertou de cheo.

“Hai quen vén e dime: Teu pai púxome as primeiras gafas cando tiña sete anos… e agora tráenme aos seus fillos”

Mentres estudaba, Álvaro sempre atopaba un oco para vir á óptica e axudar ao seu pai. Estudou no Instituto de Elviña e logo Empresariais na Universidade da Coruña. E, aínda que a súa carreira parecía levalo por outro camiño —quizais un banco, unha oficina—, o destino agardábao aquí: no taller, tallando lentes, cortando monturas e saudando a quen xa o coñecía de pequeno.

“Sempre axudei. O que máis me gusta é o taller. Se podo escapar do mostrador, fago por iso”, admite entre risas.

En 2020, seu pai xubilouse. Comezou daquela unha transición natural: o relevo xeracional. Álvaro asumiu a xestión, os pedidos, a contabilidade… todo o que non se ve pero sostén o negocio. 

E non o fai só: Silvia e Esther, ópticas-optometristas, forman parte do equipo. A atención próxima, personalizada e humana, está máis que garantida.

“O noso valor é que respondemos. Se algo non sae ben, arranxámolo. E coidamos da nosa xente”.

O negocio mudou. Antes os marxes permitían soñar máis alto. Agora toca loitar. Loitar cada día. A clave: calidade a un prezo razoable. Sen enganos. Sen présas.

Hoxe reinan as lentes progresivas, imprescindibles cando a vista esixe axuda para preto e lonxe. Tamén as lentes de contacto, que en Óptica Souto se venden coma churros porque quen vén síntese acompañado e asesorado.

E o máis curioso: Clientes de Ponferrada que viaxan ata A Coruña para cambiar as súas lentes. Tamén chegan de Lugo, Ourense, Pontevedra… Unha revisión, un xantar pola cidade, un paseo polo barrio… e de volta. Álvaro sorrí mentres o conta: “Iso dálle vida a un”.

O que máis o enche pasa na rúa: “O outro día ía pensando… cruceime con unhas 20 persoas, e 12 ou 13 eran clientes”. Ese é o verdadeiro selo do barrio: o contacto humano. Sen algoritmos. Sen présas. Sen ticket dixital. “A loita segue. Aquí imos estar. Coa xente do barrio, coma sempre”

Óptica Souto non é un escaparate de moda nin unha franquía de pasos rápidos. É unha óptica con memoria: a que lembra quen leva lentes desde os sete anos, a que mantén un oficio e un xeito de tratar ás persoas que non debería desaparecer nunca.

E iso —nesta cidade e nestes tempos— non é pouca cousa.

A historia dunha óptica que ve medrar o Agra do Orzán