Teatro
Teatro este sábado na rúa Entrepeñas da man de Javi Tink
Este sábado 28 de xuño, a Asociación Veciñal Agra do Orzán, situada na rúa Entrepeñas 38, sótano, acollerá a estrea dunha obra de teatro escrita e dirixida por Javi Tink, actor e profesor de teatro e audiovisual. A representación servirá como peche do curso das clases que imparte na entidade.
A obra narra a historia dunha familia que herda unha casa rural en O Folgoso do Courel e decide poñela en marcha como aloxamento turístico. Todo semella ir ben ata que a chegada inesperada dun hóspede francés altera a convivencia, xerando situacións que farán aflorar tensións, desafíos e reflexións entre os personaxes.
Detrás deste proxecto está Javi Tink, que leva desde os 25 anos dedicándose profesionalmente ás artes escénicas e audiovisuais. Actualmente vive exclusivamente destas disciplinas, combinando o seu traballo como actor en teatro, cine, televisión e publicidade coa docencia en distintas asociacións e centros da cidade, como na Asociación Veciñal de Catro Camiños, na da Agra do Orzán e o centro Ágora...onde participan persoas de todas as idades.
A súa chegada ao mundo do teatro foi case fortuíta. Procedente da música, unha crise persoal no ano 2014 levouno a probar o teatro, descubrindo entón unha paixón que se converteu no seu oficio e modo de vida. Desde aquela, non deixou de formarse e traballar neste ámbito.
Javi defende que o teatro vai máis alá da interpretación: “Non só é aprender a actuar. É unha ferramenta que che axuda mentalmente e que desenvolve habilidades como a comunicación, a empatía, a confianza e a memoria, útiles para calquera persoa, independentemente de que queira ou non dedicarse a isto de forma profesional”, explica.
De cara ao verán, aínda que as clases rematan temporalmente, Javi continuará involucrado en proxectos de microteatro, ensaios e traballos audiovisuais. As aulas volverán en setembro na Asociación veciñal da Agra do Orzán e en outubro nos demais centros, cun obxectivo claro: seguir facendo medrar a paixón polo teatro e achegalo a máis persoas.
A cita deste sábado na Asociación Veciñal Agra do Orzán (rúa Entrepeñas 38, sótano) é unha oportunidade perfecta para coñecer o traballo que se desenvolve neste espazo comunitario, compartir cultura e apoiar as artes escénicas locais.