medio ambiente

ADEGA, recoñecida pola súa traxectoria na defensa dos ríos e a loita contra Altri co Premio Dragona Iberia Colectivo 2025

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) recibiu o galardón outorgado pola Fundación Nueva Cultura del Agua, que salientou as súas máis de dúas décadas de traballo co Proxecto Ríos e o seu papel na oposición á macrocelulosa de Palas de Rei.
ADEGA, recoñecida pola súa traxectoria na defensa dos ríos e a loita contra Altri co Premio Dragona Iberia Colectivo 2025
Entrega do premio
Entrega do premio

Galiza, martes 18 de novembro de 2025.- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) foi distinguida co Premio Dragona Iberia Colectivo 2025, concedido pola Fundación Nueva Cultura del Agua (FNCA), no transcurso da súa Asemblea Xeral celebrada o pasado sábado, 15 de novembro, en Alcalá de Henares. O presidente de ADEGA, Manolo Soto, foi o encargado de recoller o prestixioso galardón en nome da entidade.

Reconocemento á loita e á educación ambiental

A Fundación salientou o labor continuado de ADEGA, destacando especialmente o seu Proxecto Ríos, que suma máis de dúas décadas de percorrido e que é considerado "proxecto de referencia en Galiza que comparte a filosofía da Nova Cultura da Auga". Así mesmo, a FNCA recoñeceu explicitamente o papel da asociación na loita social e ambiental contra a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei, un traballo coordinado xunto ao resto de colectivos implicados no territorio.

O acto de entrega do premio, que comezou cunha intervención de Javier Martínez Gil, catedrático de hidroxeoloxía (xubilado) e co-fundador da Fundación Nova Cultura da Auga, contou coa participación de Charo Brinquis, socia da FNCA, quen destacou a longa traxectoria de ADEGA. Neste 2025, a entidade celebra o seu 50 aniversario e Brinquis subliñou o seu traballo "no coidado de fontes, ríos e mares, na mobilización de voluntariado contra as especies exóticas invasoras e na defensa da auga como ben común”.

"Unha enorme satisfacción" e dedicatoria

Na recollida do premio, o presidente de ADEGA, Manolo Soto, expresou a súa "enorme satisfacción" por ser distinguido por unha institución que é "unha referencia para nós e para Galiza". Soto fixo un repaso polos 50 anos de historia de ADEGA na defensa dos ecosistemas fluviais, lembrando fitos como a oposición a antigos proxectos de celulosa, encoros e minicentrais, así como a ILP pola Protección dos Ríos, que culminou na lei aprobada en 2006 e que cualificou como "un gran logro das mobilizacións populares". Tamén puxo en valor o traballo incesante do Proxecto Ríos e a participación de milleiros de persoas na Limpeza Simultánea anual.

Soto fixo fincapé na actual loita contra "o maior proxecto de celulosa de toda Europa, Altri", un proxecto que, xunto á reapertura da mina de Touro-O Pino, "afecta o río Ulla e a ría de Arousa, punto central das Rías Baixas e da produción de marisco e peixe de baixura en Galiza". Subliñou que esta é unha loita colectiva, artellada con plataformas como Ulloa Viva, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ou Plataforma Mina Touro-O Pino non, e onde ADEGA está a elaborar alegacións e estudos técnicos, ademais de impulsar a campaña de recadación solidaria 'Xustiza para o Ulla' para garantir a defensa xurídica. Ante esta macrocelulosa que "mantén o país en vilo", Soto agarda que "este premio da Dragona sirva tamén para lograr a vitoria nesta loita”.

O presidente concluíu dedicando o galardón "a todas as persoas socias de ADEGA, aos milleiros de voluntarias e voluntarios e aos centos de colectivos cos que confluímos en loitas concretas ao longo de todo o país". "Este é un premio para Galiza e para a defensa ambiental e ecolóxica no sentido máis amplo", remachou.

Homenaxe a Abel Lacalle

Esa mesma tarde, no programa da Asemblea da FNCA, ADEGA tamén participou na homenaxe a Abel Lacalle, co-autor do libro O tempo dos ríos (2006), profesor de dereito e membro da Fundación. Lacalle, quen finou prematuramente hai un ano, colaborou con numerosos colectivos na defensa dos ríos e da auga, intercambiando información e asesoramento en temas de actualidade como a loita contra os impactos do proxecto de Altri no Ulla.

ADEGA, recoñecida pola súa traxectoria na defensa dos ríos e a loita contra Altri co Premio Dragona Iberia Colectivo 2025