medio ambiente

Podemos Galicia reune en Compostela a expertos e plataformas veciñais nun foro sobre as principais ameazas ambientais do país

Podemos Galicia celebrará este sábado 22 de novembro a xornada “Galicia fronte ás ameazas ambientais” para abordar os riscos ecolóxicos máis urxentes, desde a contaminación industrial ao impacto eólico, coa participación de colectivos veciñais, especialistas e representantes políticos.
Podemos Galicia reune en Compostela a expertos e plataformas veciñais nun foro sobre as principais ameazas ambientais do país

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025.- O vindeiro sábado 22 de novembro, Podemos Galicia converterá Compostela no epicentro do debate ambiental coa celebración da xornada “Galicia fronte ás ameazas ambientais”. A cita, organizada pola Área de Medio Ambiente da formación, busca crear un espazo de traballo e intercambio para sumar forzas fronte ás agresións ecolóxicas que afectan ao territorio galego.

O encontro arrincará ás 10:00 horas na Casa do Taberneiro (Rúa San Pedro, 15) e será emitido en directo a través da canle de YouTube de Podemos Galicia, garantindo a súa accesibilidade a toda a cidadanía interesada.

A iniciativa reunirá unha ampla representación de plataformas veciñais, especialistas en diversas materias e representantes políticos, co obxectivo de abordar cuestións cruciais como a contaminación industrial, o deterioro dos ecosistemas acuáticos (nomeadamente as rías), a xestión forestal, o impacto da implantación eólica e as súas consecuencias directas sobre a saúde pública.

Voces do territorio e tres bloques temáticos

O programa da xornada está estruturado en tres bloques temáticos, deseñados para analizar en profundidade os desafíos ambientais de Galicia:

  1. Contaminación industrial e ecosistemas acuáticos (10:15 h): Este bloque centrarase no impacto da actividade industrial e extractiva nos recursos hídricos. Intervirán representantes da Plataforma Ulloa Viva, da Plataforma Mina Touro – O Pino NON e unha mariscadora da Illa de Arousa, quen exporá a delicada situación da ría e o impacto directo que a contaminación ten na actividade marisqueira e na economía local.

  2. Xestión do territorio e renovables (11:00 h): Aquí debaterase sobre o manexo do monte galego e a ameaza da expansión eólica. Un brigadista forestal achegará a súa experiencia na xestión do monte, mentres un especialista en impacto eólico analizará o efecto da proliferación dos parques eólicos nas comunidades afectadas e as outras ameazas que pairan sobre a biodiversidade galega.

  3. Saúde e peche orgánico (12:00 h): A recta final da xornada contará coa intervención do Coordinador Federal de Alianza Verde, Juantxo López de Uralde, que ofrecerá unha ponencia centrada na crucial relación entre o medio ambiente e a saúde. O peche do encontro correrá a cargo de Isabel Faraldo, Coordinadora Nacional de Podemos Galicia.

A moderación de todo o evento será levada a cabo por Ángel Villanueva.

Un encontro para sumar forzas

Podemos Galicia subliña que o obxectivo principal deste encontro é crear un espazo de diálogo común que permita unir loitas locais que, a pesar de seren distintas, comparten causas e consecuencias comúns.

A organización considera urxente articular respostas colectivas fronte ás agresións ambientais, que son cada vez máis complexas e interconectadas. Fano baseándose na necesidade de empregar a ciencia, fomentar a participación social e defender de maneira firme a saúde pública, construíndo así unha visión compartida sobre o modelo ambiental que Galicia precisa.

Podemos Galicia reune en Compostela a expertos e plataformas veciñais nun foro sobre as principais ameazas ambientais do país