Ecoloxistas en Acción leva ao xulgado o "desastre anunciado" de Monte Neme

A organización presenta unha denuncia penal contra altos cargos da Xunta e a UTE encargada das obras tras o novo vertido de metais pesados que afectou á Rede Natura 2000.
Ecoloxistas en Acción leva ao xulgado o "desastre anunciado" de Monte Neme
Monte Neme
Monte Neme

CARBALLO | O pesadelo ambiental de Monte Neme regresa aos tribunais. Ecoloxistas en Acción presentou este luns, 2 de febreiro, unha denuncia penal nos xulgados de Carballo por presuntos delitos contra o medio ambiente tras a "falla crítica" dunha balsa de residuos mineiros ocorrida o pasado sábado. A querela apunta directamente á liña de flotación da administración autonómica, dirixíndose contra a conselleira de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, un enxeñeiro do departamento territorial da Coruña e as empresas da UTE encargada da restauración.

Un vertido tóxico sobre espazos protexidos

O incidente, que evoca o desastre ocorrido en 2014, provocou a saída incontrolada de augas contaminadas con metais pesados. O fluxo descendeu polo Rego de Tuixe e o Rego dos Riás ata desembocar na Praia dos Riás, situada en plena Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte, integrada na Rede Natura 2000.

A magnitude do vertido non só deixou danos ambientais visibles ao longo do seu percorrido, senón que obrigou ao corte da estrada local que une as localidades de Leiloio e Aviño.

O mito da galería "descoñecida"

A organización ecoloxista foi tallante á hora de desmontar a narrativa oficial. Fronte ás teses da Xunta que falan dun accidente fortuíto derivado das choivas ou dunha galería "invisible", o colectivo achegou documentación que proba que dita infraestrutura estaba inventariada oficialmente desde 1998.

"Non foi un accidente, foi unha negligencia. A galería era coñecida pola Administración desde hai máis de 25 anos", sinalan desde a organización.

Segundo Ecoloxistas en Acción, a falla garda relación directa cos traballos de restauración iniciados en decembro de 2025. Os movementos de terras desprazaron augas contaminadas cara a unha balsa sen estabilidade suficiente, saltándose —presuntamente— o protocolo de tratamento que supón máis da metade do orzamento do proxecto, financiado con fondos europeos Next Generation.

Un historial de impunidade

A denuncia tamén pon o foco na contradición das análises. Mentres a versión oficial descarta contaminación poucas horas despois do suceso, os precedentes de hai doce anos —cando se verteron 24.000 metros cúbicos de lodos tóxicos— confirmaron a alta perigosidade dos residuos.

Para o colectivo, o sucedido o 31 de xaneiro é a culminación de "décadas de abandono". Por iso, solicitaron ao xulgado:

  • A apertura de dilixencias previas.
  • A toma de mostras e análises independentes de augas e sedimentos.
  • O requirimento de toda a documentación técnica das obras de restauración.

Ecoloxistas en Acción xa anunciou que se personará como acusación popular, buscando que esta nova agresión á paisaxe e á saúde pública de Bergantiños non quede, unha vez máis, sen responsables.

Ecoloxistas en Acción leva ao xulgado o "desastre anunciado" de Monte Neme