medio ambiente

A Xunta tomba por "falta de rigor" o proxecto fotovoltaico de Aratel en Cartelle

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental esixe unha Avaliación Ordinaria ante as graves carencias, erros e incongruencias do informe presentado pola promotora.
A Xunta tomba por "falta de rigor" o proxecto fotovoltaico de Aratel en Cartelle
Plano da planta fotovoltaica entre os núcleos de A Bouza, Os Pereiros e Reigoso
Plano da planta fotovoltaica entre os núcleos de A Bouza, Os Pereiros e Reigoso

Cartelle, 16 de marzo de 2026

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia ditou unha resolución demoledora contra o proxecto de planta fotovoltaica que a empresa Aratel pretende instalar no concello de Cartelle. O Goberno galego rexeitou o informe de impacto ambiental simplificado presentado pola promotora ao detectar un "falta de rigor" xeralizada e numerosas deficiencias técnicas.

Con esta decisión, a administración obriga á empresa a someterse a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, un procedemento moito máis estrito e detallado, se desexa proseguir coa tramitación. A resolución sinala que o proxecto, tal como está formulado, supón un risco real para o medio ambiente, o patrimonio cultural, a paisaxe e mesmo a saúde humana.

Unha "ferida" no patrimonio e na paisaxe

O informe oficial é tallante respecto á desprotección do patrimonio cultural. Segundo a Dirección Xeral, non se pode descartar a existencia de xacementos arqueolóxicos ou etnográficos aínda non catalogados na zona, e critica que a cartografía presentada nin sequera recolle os contornos de protección dos elementos xa localizados. Por iso, exíxese agora unha prospección arqueolóxica extensiva e vinculante.

No ámbito paisaxístico, o Instituto de Estudos do Territorio alerta dunha degradación do "valor vernáculo" do solo. O proxecto introduciría unha enorme superficie artificial de paneis nunha contorna agraria, sen que a empresa presentase sequera un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) nin unha análise da visibilidade ou dos reflexos desde os núcleos de poboación próximos.

Ameaza a especies protexidas e incerteza hídrica

A biodiversidade é outro dos puntos críticos. A Xunta considera que a diagnose de fauna e flora foi "superficial". Entre as especies que poderían verse afectadas atópanse o galápago europeo, o aguiacho cincento e xoias botánicas como o loureiro de San Antonio (Prunus lusitanica). Especial preocupación xera tamén a Macromia splendens, unha libélula en perigo de extinción cuxa presenza nas concas do Miño e o Arnoia é unha reliquia biolóxica.

Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectou "puntos de incerteza técnica" sobre a afección ao dominio público hidráulico, mentres que a Dirección Xeral de Saúde Pública chegou a solicitar ata tres informes distintos ante o rigor insuficiente da empresa en materia de ruídos e vibracións.

A sombra da "fragmentación fraudulenta"

A plataforma Stop Eólicos A Limia-Xurés-Celanova, que liderou a oposición social xunto a comuneiros e gandeiros, celebra a resolución pero advirte sobre a estratexia da empresa. Aratel é tamén a promotora do polígono eólico no Coto Novelle, que compartiría infraestruturas de evacuación coa planta solar.

O colectivo denuncia unha "fragmentación fraudulenta" do proxecto para evitar controis máis rigorosos e subliña que a nova Avaliación Ordinaria deberá contemplar agora os impactos acumulativos de ambas instalacións. Para os opositores, esta resolución confirma que o proxecto de Baldariz é ambiental e socialmente inviable, unha alerta que, consideran, debe facerse estensible ao polígono eólico previsto na mesma área.

A Xunta tomba por "falta de rigor" o proxecto fotovoltaico de Aratel en Cartelle